O Certame de Teatro amador de Cedeira esperta o interese de nove grupos de diferentes lugares de Galicia
O CERTAME DE TEATRO AMADOR DE CEDEIRA ESPERTA O INTERESE DE NOVE GRUPOS DE DIFERENTES LUGARES DE GALICIA
A primeira edición do Certame de Teatro Afeccionado de Cedeira espertou o interese de nove grupos de teatro amador de Santiago, A Coruña, Foz e Narón, entre outros lugares da xeografía galega.
O goberno municipal móstrase especialmente satisfeito pola resposta obtida nesta primeira convocatoria e recorda que, unha vez finalizado o prazo de inscrición, agora se abre un proceso de selección para elixir ás tres compañías que tomarán parte no certamen. Os concelleiros de Cultura, María Xosé Rodríguez, e de Educación, Robustiano Labraña, ademais do técnico cultural Quique Vázquez formarán parte da comisión que comezará a deliberar a próxima semana.
A cita coas artes escénicas terá lugar os días 4, 11 e 18 do próximo mes de novembro. O auditorio acollerá todas as representacións, que darán comezo ás oito da tarde. O Concello contribuirá cunha axuda económica de 400 euros á participación dos tres grupos seleccionados.
O Certame de Teatro de Afeccionado nace coa intención de permanencia e co obxectivo de dar a mellor e máis completa visión do panorama do teatro amador que se fai en Galicia, segundo explican dende o goberno.