Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Campus de Fútbol da Real Federación Española de Fútbol reunirá, a partir do domingo, a 135 nenos na vila de Cedeira

O CAMPUS DE FÚTBOL DA REAL FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE FÚTBOL REUNIRÁ, A PARTIR DO DOMINGO, A 135 NENOS NA VILA DE CEDEIRA

Un total de 135 nenos, con idades comprendidas entre os 7 e 17 anos, tomarán parte no Campus de Fútbol da Fundación da RFEF que o próximo domingo arrincará na vila de Cedeira. Trátase da primeira vez que se celebra no municipio unha convocatoria destas características, polo que desde o Concello destácase tanto a responsabilidade que representa como a oportunidade que significa de cara ao sector turístico.

Os participantes chegarán en dúas quendas: do 16 ao 22 de xullo será a primeira e do 23 ao 29 de xullo, a segunda. Durante a súa estadía en Cedeira os rapaces levaran a cabo distintas actividades de ocio ademais das relacionadas co mundo do futbol (táctica e técnica). O colexio Nicolás del Río convertirase durante uns días na residencia duns nenos que tamén aproveitarán o seu paso pola vila para coñecer lugares tan emblemáticos como a serra da Capelada ou santuario de San Andrés, así como as praias e a gastronomía local.

A clausura terá lugar o día 28 e, segundo a información facilitada pola Real Federación Española de Fútbol, o acto contará coa presencia do xogador Joan Capdevila -campión da Eurocopa do 2008 e lateral esquerdo nos equipos do Atlético de Madrid, Deportivo da Coruña e Español- e do preparador físico Jesús Paredes, man dereita do seleccionador nacional, Luis Aragonés.

Os participantes recibirán un diploma de asistencia, unha evolución técnica da RFEF, a equipación oficial e de adestramento, fotos de recordo e unha invitación para visitar o Museo da Selección Española de fútbol.