O ALCALDE DE CEDEIRA INVITA AO CONSELLEIRO DE CULTURA A VISITAR O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DO SARRIDAL
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, acaba de remitir unha carta ao novo conselleiro de Cultura, José López Campos, para invitarlle a visitar na localidade o xacemento arqueolóxico do Castro Sarridal. Na misiva, o rexedor di que toda a corporación estaría encantada de recibirlle para amosarlle in situ “a excelencia e particularidade deste tesouro” e adianta que o interese do Concello é continuar co traballo que con tan bo resultado comezou no ano 2017.
No escrito dirixido ao titular autonómico de Cultura, Moreda Gil recorda que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de la Xunta de Galicia vén colaborando co Concello desde o ano 2017 na escavación deste xacemento, a través da promoción de diferentes campañas arqueolóxicas. Abunda tamén o alcalde nas vantaxes que ten o Sarridal por estar en terreos de propiedade municipal, por ter un acceso fácil para os visitantes e por estar moi preto do Castelo da Concepción, co que forma un conxunto patrimonial de gran valor.
A escavación arqueolóxica do Sarridal permitiu descubrir unha sauna castrexa coa súa pedra Formosa, que data do ano 230 a.C., así como outras estruturas defensivas e habitacionais que de momento demostraron que o enclave estivo poboado desde o século IV a.C. ata o II d.C. Descubríronse desde 2017, ao longo das sucesivas campañas, “suficientes elementos de carácter patrimonial que invitan a continuar a investigación e a apostar pola posta en valor do xacemento”, apunta o escrito dirixido ao conselleiro.