NOVA EDICIÓN DO CICLO “CANTOS E CONTOS AO SOLPOR” TODOS OS SÁBADOS DESTE MES DE SETEMBRO
O mes de setembro está asociado en Cedeira, desde hai anos, aos “Cantos e contos ao solpor”, un programa que xunta a veciños e veciñas das diferentes parroquias, no lusco e fusco, arredor da narración oral e a música. O calendario desta edición comeza este sábado 7 no local de Tarroiba, en Santalla, e viaxará nos sucesivos sábados deste mes a San Román e Régoa, para rematar o 28 na praza do Pazo de Moscoso, na vila.
A actriz Bea Campos abrirá o programa “Cantos e contos ao solpor” co espectáculo “Marcho que teño que marchar”, no que comparte co público as divertidas historias da súa propia familia, coas que provoca tamén unha reflexión sobre os roles e a desigualdade de xénero. Será ás 20.00h no local social de Tarroiba, da asociación de veciños de Santalla.
Ao seguinte sábado, día 14 de setembro, o local de San Román recibirá á mesma hora a “Leti da Taberna”, que vai falar en ton irónico a súa relación coas redes sociais. Esta influencer galega, que aterrou en TikTok durante a pandemia cun inusitado éxito, fai rir neste monólogo que titula “Enredada” falando da forma en que as redes inflúen no noso día a día.
A seguinte cita será no local de Régoa, o sábado 21 ás 20.00h. Sole Felloza, unha actriz uruguaia que fala galego, comparte historias recolleitas arredor da lareira e da cociña de ferro, da boca de mulleres que cociñan a lume manso.
O ciclo vai rematar na vila, na praza do Pazo Moscoso. Alí o sábado 28 de setembro, ás 20.00h, a cantautora Su Garrido, que ten recibido dous premios Martín Códax na categoría de música de autora, ofrecerá o seu espectáculo “Patios de luz”, no que entretece historias e cancións interpretadas coa súa guitarra, unha pandereira e os seus pedais de efectos.