Medio Ambiente insiste na necesidade de mellorar os resultados da recollida selectiva para manter máis limpas as rúas e prazas
MEDIO AMBIENTE INSISTE NA NECESIDADE DE MELLORAR OS RESULTADOS DA RECOLLIDA SELECTIVA PARA MANTER MÁIS LIMPAS AS RÚAS E PRAZAS
A concellería de Medio Ambiente de Cedeira considera necesario lembarlle a veciños e visitantes a existencia e o cumprimento de certas normas cara a unha recollida selectiva realmente eficaz e que contribúa a manter en condicións de limpeza e salubridade as nosas rúas e prazas.
O seu responsable, Camilo Casal, reitera que a bolsa negra (lixo orgánico) hai que depositala nos colectores de cor verde -pero nunca antes das nove da tarde/noite e tampouco en sábados e vésperas de festivos- hermeticamente pechadas e sen que conteñan líquido no seu interior para reducir así os malos cheiros. Os contedores amarelos son os indicados para depositar plásticos (só envases e envoltorios), latas e briks, e sempre comprimidos ao máximo para reducir o volume. Casal tamén pide á cidadanía que sexa moito máis coidadosa á hora de seleccionar a basura co fin de evitar o maior número de impropios, xa que pasaron de ser un 28% no ano 2008, cando o concello tiña 7.400 habitantes, ao 34% en 2016, cando son uns 7.000. Esta mala praxis ten unha repercusión económica moi negativa, segundo o responsable municipal.
En canto á recollida de papel/cartón, desde a área de Medio Ambiente faise constar que na medida do posible o papel estea limpo, sen manchas de graxa e sobre todo debidamente aplastado para evitar que o colector se encha rapidamente. O contedor tipo iglú é para recoller só botellas, frascos e tarros.
Camilo Casal invita ademais a todas aquelas persoas que desexen coñecer polo miúdo o que se debe botar en cada colector e o que non a dirixirse á concellería de Medio Ambiente, donde recibirán toda a información.