Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

GASTROMAR CEDEIRA. SESIÓN FORMATIVA DE COCIÑA MARIÑEIRA ORGANIZADA POLO CONCELLO DE CEDEIRA DIRIXIDA Á HOSTALARÍA LOCAL

A hostalería local cedeirense participou este mércores na sesión formativa de cociña mariñeira impartida polo chef Adrián Pérez na Sala Áncora de Cedeira.

Mediante a realización de exemplos prácticos empregando produto local como pescada, raia ou vieiras, o chef Adrián Pérez, recentemente premiado como o mellor cociñeiro de tapas de Galicia, ofreceu unha sesión formativa o pasado mércores en Cedeira. Este showcooking, impulsado polo concello de Cedeira dentro do proxecto “Gastromar Cedeira”, financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal, busca achegar á hostalaría local as distintas posibilidades e aplicacións desta materia prima aos seus negocios.

Deste xeito, o obxectivo é reforzar as relación locais entre o sector do mar e o da hostalaría, á hora de promover o uso de especies mariñas da zona, e a súa transformación na cociña, ofertando produto KM0 á propia veciñanza e visitantes, visibilizando a lonxa e a Confraría, e fomentando a comercialización de todo tipo de especies mariñas e subproductos.

«GASTROMAR Cedeira» é unha iniciativa do concello de Cedeira para a revalorización do sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Ademáis destas accións formativas, destacan as aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos locais; guiados de rutas para o público xeral; exposicións exteriores sobre as xentes do mar, a gastronomía, o coidado e conservación do medio ou o consumo responsable e accións de comunicación para a difusión das actividades do proxecto.