Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

GASTROMAR CEDEIRA. EXPOSICIÓN SOBRE AS XENTES DO MAR E O PESO DO SECTOR EN CEDEIRA

Desde este luns pódese visitar nas inmediacións da parada de autobuses da praza de Galicia unha exposición de paneis sobre as xentes do mar e a importancia do sector na Vila.

Dar a coñecer o rol das xentes do mar na conservación do medio mariño, as oportunidades actuais do sector e a importancia de valorar e protexer o patrimonio e medio natural da contorna, son algúns dos principais obxectivos
desta exposición de paneis, que estará ata o día 5 de novembro.

A identificación de elementos patrimoniais ligados ó mar como o Faro de Punta Robaleira ou o Castro Sarridal; as especies estrela da Lonxa de Cedeira, ademais da importancia concreta dos percebes e bivalvos ou a trazabilidade dos produtos do mar, son os temas centrais destes paneis de gran formato, con códigos QR que permitirán complementar a información alí proporcionada.

«GASTROMAR Cedeira» é unha iniciativa para a revalorización do sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Ademais desta exposición de paneis, destacar as aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos locais; guiados de rutas para o público xeral; sesións formativas de cociña mariñeira para profesionais da hostalería local e tamén, accións de comunicación para a difusión das
actividades do proxecto.

O proxecto «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.