Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Exhibición de coches antigos durante o primeiro rally A Coruña-San Andrés

EXHIBICIÓN DE COCHES ANTIGOS DURANTE O PRIMEIRO RALLY A CORUÑA-SAN ANDRÉS

As fundacións Santo André de Teixido e Jorge Jove levaron a cabo onte a primeira edición do Rally A Coruña-San Andrés de vehículos clásicos, prevista para o pasado 5 de xaneiro, pero suspendida por causas meteorolóxicas. “A verdade é que foi unha pasada, o éxito foi abafador”, destacou onte Ramón Tudela, presidente da entidade Santo André.

Sobre as dez da mañá, os quince coches participantes e unha comitiva de 45 persoas saíron da cidade herculina con dirección Ferrol, onde fixeron a súa primeira parada. Na cidade naval, visitaron as instalacións do Arsenal Militar, onde acudiron ao Museo Naval e Exponav.

A iso das 12.30 horas, emprenderon outra vez o rumbo cara a Cedeira, lugar no que foron recibidos polo alcalde, Pablo Moreda, e visitaron o Museo do Mar da vila.

Posteriormente, celebrouse unha comida no restaurante Calzada Romana, onde os artistas Bruxo Queiman e a cantante Pousa representaron unha alegoría sobre a historia de san Andrés de Teixido. O grupo, comprometido coa difusión da cultura atlántica, acaba de recibir a Vieira de Prata da man da Casa de Galicia en Madrid.

A queimada foi outro dos atractivos da xornada, que terminou coa visita á primeira hora da tarde ao santuario de San Andrés de Teixido e unha ofrenda ao santo.

O obxectivo do evento era, tal e como indica a organización, dar a coñecer o Museo da Automoción que se está promovendo na Coruña por parte da fundación Jove; incentivar a visita ás históricas dependencias militares e ao museo ferrolán; así como achegar ao público a San Andrés, “un valor para toda Galicia”.

 

Fonte: Diario de Ferrol

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Exhibición de coches antigos durante o primeiro rally A Coruña-San Andrés