Skip to content Skip to left sidebar Skip to right sidebar Skip to footer

Teatro “Bernarda (Vilalba 1975)”

Este evento terminou

Hoxe sábado 23 de xaneiro no Auditorio Municipal ás 20:00h.

Sinopse:

  1. Unha vila de Galicia. Bernarda queda viúva o mesmo día da morte de Franco. Quédanlle dúas fillas mozas e xemelas . Bernarda decreta o estado de loito. Durante dous anos non poden ver a televisión, nin escoitar a radio, nin ler revistas. Durante dous anos só poden saír da casa para ir á misa, á tenda ou ó cemiterio. Durante dous anos as contras deben estar pechadas día e noite. Fóra, a sociedade da transición está cambiando. Dentro, Bernarda fai todo o posible para que eses cambios non entren na súa casa.

Sobre Bernarda:

“BERNARDA” é unha historia próxima, comprensible e universal. Todos coñecemos no noso entorno a alguén como Bernarda, e todos temos un pouco de Bernarda no noso interior, porque ese choque xeracional entre pais e fillos é unha constante universal, e dependendo de que lado esteamos vemos a realidade de forma totalmente diferente. Cando somos fillos queremos rachar coas normas que nos impoñen, e cando somos pais vémonos na obriga de ser nós os que as impoñamos, polo seu ben, e ese choque entre xeracións que conviven na mesma casa é inevitable. Este choque xeracional, que como na vida mesma tamén ocorre en “BERNARDA”, por veces fainos chorar, porque ás veces as situacións vólvense tensas e duras, e por veces fainos rir, porque igual que na vida, ata nas situacións máis extremas xorde a risa como unha necesidade de desafogo e de liberación. Isto é o que en “BERNARDA” demos en chamarlle, humor de tanatorio ou risa de funeral, que tamén é unha constante durante todo o espectáculo. Bernarda é unha muller dura e loitadora, produto da vida que lle tocou vivir, cunha infancia dura de posguerra que a forxou nuns principios ríxidos e inamovibles. Ao morrer o marido ten que asumir o papel de pai e de nai, e educa ás súas fillas como mellor sabe, como aprendeu, e todo o que fai non o fai por mal, todo o contrario, faino porque pensa que é o mellor para elas. As fillas, en cambio, non o ven así, aínda que como tamén entre elas son diferentes, discuten moitas veces sobre se no fondo Bernarda é pobriña ou é mala. Bernarda, ó quedar viúva, tenta que todo siga sendo igual que sempre, como foi toda a súa vida, e que as “malas” influenzas dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen ás súas fillas nin a ela mesma. Bernarda non entende a música yeyé, nin as minisaias, nin os guateques, nin ningunha das novas modas da xuventude da época, e a súa intención é moi clara: “Mentres eu viva, nesta casa non vai cambiar nada e as cousas vanse facer como se teñen que facer.” O público presente coñecerá se chega a conseguilo ou non.

Reserva de localidade chamando (de luns a venres de 9.00 h a 14.00 h.) ou enviando mensaxe (whatsapp) ao número 649876614 ou correo electrónico a enrique.vazquez@cedeira.gal antes do venres 22 de xaneiro ás 14.00 h. Entrada: 2,5 € – Público adulto.