SHOWCOOKINGS PARA HOSTALERÍA
-
Data
27 Abril, 2022
-
Hora
5:30 pm
O PROXECTO CEDEIXURA- PESCA DE COSTA, actuación conxunta na que participa a CONFRARÍA DE PESCADORES DE CEDEIRA e o CONCELLO DE CEDEIRA, ten programado como xa se fixo o ano pasado, a celebración de dúas xornadas de showcookings para a hostalería da vila.
Con CEDEIXURA quérese implicar ao sector hostaleiro de Cedeira para que dea visibilidade ao produto da pesca de baixura e ao marisqueo, a súa calidade diferencial. Con estas xornadas de “showcooking profesionais” póñense en relación dous dos sectores económicos máis relevantes de Cedeira, o pesqueiro e o hostaleiro.
As dúas xornadas celebraranse no local da Confraría de Pescadores de Cedeira en horario de tarde, martes 26 e mércores 27 de abril de 17.30 a 19.30 horas. Na sesión do martes estará Daniel López, xerente do coñecido establecemento ferrolán O Camiño do Inglés con dous Soles Repsol e gran precursor do produto fresco da costa, e na sesión do mércores a impartirá Lucía Freitas, Estrela Michelín 2022 e recentemente galardoada co premio Chef de L´Avenir pola Academia Internacional de Gastronomía.
Como aconteceu o ano pasado, os negocios da hostalería local recibirán unha formación teórico-práctica na que se verá como os procesos de extracción artesanais, a garantía da trazabilidade e o control na calidade do produto, son cruciais para traballar con un bo produto e ofrecer os mellores sabores que o mar da nosa costa ofrece.
Estas xornadas, como as do ano pasado, axudarán a que os establecementos locais recollan ideas innovadoras dos pratos que se elaboren polos dous chefs, e as introduzan nas súas elaboracións propias.
Con estas ideas, os cociñeiros locais enriquecerán a oferta das súas cartas e menús, elaborando novas creacións a partir da formación impartida por Daniel López e Lucía Freitas. Ao mesmo tempo estes profesionais se converten en transmisores da excelencia, calidade e sabor que lle aporta o coñecemento e a innovación á frescura da pesca de costa e do marisqueo da vila.