Presentación do libro A fuxida do bou Ramón
-
Data
10 Xaneiro, 2020
-
Hora
7:00 pm
O Concello de Cedeira convida a veciñanza a asistir hoxe venres ao acto de presentación do libro A fuxida do bou Ramón, editado pola Deputación da Coruña e do que son os seus autores Enrique Barrera Beitia e Eliseo Fernández Fernández.
O Palacete municipal acollerá unha cita que dará comezo ás 19.00 horas e na que estarán presentes Enrique Barrera e Fernando Ocampo, este último responsable tanto das ilustracións dun libro que xa vai pola súa segunda edición como do vídeo que se proxectará no transcurso do devandito acto cultural.
A celebración do encontro dará lugar así mesmo á inauguración dunha exposición que, nun total de 60 paneis, explica os contidos dunha publicación na que se está a contar a historia de 27 republicanos que no ano 1936 fuxiron a Francia a través do porto de Ares. A mostra permanecerá aberta ao público ata o día 2 de febreiro e pódese visitar no horario habitual da oficina de Turismo, que durante o inverno é de luns a venres de 9.00 a 14.30 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.
A organización do acto corre a cargo do Concello e da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol.