Skip to content Skip to left sidebar Skip to right sidebar Skip to footer

Obradoiro de robótica

Este evento terminou

O Centro de Ocio Xuvenil de Cedeira ofrecerá este verán catro actividades dirixidas á mocidade co obxectivo de dinamizar e impulsar alternativas de lecer entre os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos de idade.

A primeira das propostas terá lugar o vindeiro 23 de xullo, ás 11.00 horas, coa celebración dun obradoiro de robótica que será impartido pola empresa Espacio Vivo, que xa o pasado ano desenvolveu con grande éxito de participación un taller de drons. Desta volta, e aínda que centrada na robótica, a actividade incluirá de novo unha experiencia de voo con dron e outra de realidade virtual. Terá unha duración aproximada de dúas horas e ofértanse 10 prazas.

O 31 de xullo, a partir das 11.00 horas, será a quenda para o obradoiro de parkour, inicialmente previsto para o pasado día 10 pero que tivo que ser aprazado debido ao mal tempo. Un ano máis, volverase contar coa colaboración de Vella Escola, entidade especializada en talleres de cultura urbana, para achegar aos participantes as bases deste deporte. Neste caso, non se fixa límite de prazas. A cita desenvolverase nas inmediacións do Centro de Ocio, no aparcamento contiguo entre o campo de fútbol e o Pump Track. Nesa zona a organización habilitará un parque móbil no que os mozos e mozas poderán aprender algunas das nocións básicas da devandita disciplina.

A axenda estival do Centro de Ocio cedeirés continuará en agosto, con dúas actividades impartidas pola asociación de animación infantil e xuvenil Ilusionarte. A primeira delas será o día 7 e consistirá nun obradoiro de maquillaxe e autocoidado (para persoas de 12 a 18 anos), a desenvolver a partir das 12.00 horas. Ao día seguinte (8 de agosto) terá lugar un curso de pintacaras. Será en horario de 16.30 a 20.30 horas e poderán inscribirse as persoas interesadas a partir de 12 anos de idade.

Para poder participar nestas actividades será preciso inscribirse de forma previa no correo coxcedeira@gmail.com; a través da conta de Instagram do centro (centro_ocio_xuvenil_cedeira) ou presencialmente en horario de apertura do centro. Durante este verán, o servizo abre as súas portas á mocidade os xoves e venres, de 20.00 a 23 horas, co obxectivo de ofrecer así unha alternativa de lecer para a mocidade. As instalacións deste servizo municipal dispón de xogos como o billar, o futbolín ou mesmo videoxogos, así como un espazo para poder gozar de xogos de mesa. A oferta de actividades propostas desde o Centro de Ocio Xuvenil do Concello de Cedeira parten do interese detectado nas enquisas desenvolvidas no marco das mesas de participación, axustántose deste xeito ás preferencias dos máis novos da vila.