Curtametraxe “Balle Voyage”
-
Data
22 Setembro, 2024
-
Hora
7:00 pm
O Auditorio de Cedeira acollerá o vindeiro domingo, día 22, ás 19.00h, o pase da curtametraxe “Balle Voyage”, toda unha homenaxe ao mestre do suspense Alfred Hitchcock, rodada no ascensor panorámico do Monte de San Pedro, na Coruña, con escenario e música espectaculares. Tras a proxección abrirase un coloquio cos actores protagonistas e ofreceranse tamén contidos inéditos da rodaxe. A entrada será de balde.
Iria Ares é a directora, así como a guionista e protagonista da curta xunto con Xoán Carlos Mejuto, co que tamén impulsou no ano 2018 a produtora Estudo Momento, responsable do proxecto. A música é un elemento de gran peso nesta cinta, cuxa banda sonora emula ás composicións de Bernard Herrmann para “Psicosis”, “Vertixe” ou “Ciudadano Kane”. A banda sonora de “Balle Voyage”, composta por Manu Riveiro e grabada coa Orquesta Sinfónica de Galicia, foi merecedora do premio á Mellor BSO no Festival de Cine de Medina del Campo.
“Balle Voyage” desenvolve, en 18 minutos, toda unha trama de suspense. D, axente dunha organización secreta de intercambio de favores, é citado no elevador panorámico do Monte San Pedro da Coruña. Alí descobre o cadáver da súa última vítima perfectamente colocado no interior do ascensor. Sen tempo para pensar, D choca fortuitamente contra Annie, unha auténtica moza Hitchcock. D tentará escapar co cadáver, pero acabará atrapado no interior do ascensor con Annie, un grupo de nenos e uns cómicos que acoden a unha festa infantil que se está organizando no parque. A súa única opción é facerse pasar por un membro da compañía.