Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Eduardo Pérez Baamonde foi o gañador da terceira edición do certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira

EDUARDO PÉREZ BAAMONDE FOI O GAÑADOR DA TERCEIRA EDICIÓN DO CERTAME DE PINTURA RÁPIDA VILA DE CEDEIRA

Eduardo Pérez Baamonte, de Cambados, foi o gañador da terceira edición do certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira, unha convocatoria que este ano reuniu a un total de 24 artistas, sete máis que na anterior. Pérez Baamonte pintou a ponte nova e o casco antigo de Cedeira sobre un fondo de ceo e montaña.

O segundo premio foi para José Carlos Triñones Buceta (Rianxo) -que optou por reproducir o río e a ponte de madeira-, mentres que Manuel Carballeira (Valdoviño) se fixo co terceiro cun contraste de luces e sombras do porto cedeirense.

O certamen, celebrado hoxe, convida a afeccionados e profesionais da pintura a mostrar diferentes realidades dos recunchos máis coñecidos da vila. As obras premiadas pasan a ser propiedade do Concello.

A organización do certamen correspondelle á concellería de Cultura. A súa titular, María Xosé Rodríguez, presidiu o acto de entrega de premios, no que destacou a consolidación da convocatoria, o altismo nivel das obras presentadas e a boa acollida dos pintores “nunha mañá espléndida, con moita xente paseando e parándose a ver as obras”, sinalou.

O Concello repartiu entre os premiados un total 1.300 euros, de maneira que o primeiro recibiu 600 euros; o segundo 400 e o terceiro 300, ademais dos diplomas correspondentes.

Raúl Gil Bures foi o gañador da anterior edición cunha obra na que se recollía un tramo do paseo da Mariña. No ano 2015, Pío Costa quedou primeiro.

Primeiro Premio

 

Segundo Premio

 

Terceiro Premio