DISCALZ@S POLO FESTIVAL ENCHERÁ O VENRES E O SÁBADO DE MÚSICA E BO AMBIENTE A PRAZA DA REVOLTA DE CEDEIRA
O Concello de Cedeira apoia un ano máis a celebración de Discalz@s polo Festival, un evento de referencia en Ferrolterra que naceu coa vocación de reflectir a diversidade cultural e musical da propia localidade. O venres 30 e o sábado 31 chega a súa décima edición cunha nova aposta pola mestura de diferentes estilos musicais e o bo ambiente, coa destacada presenza desta volta de Dios Ke Te Crew, Quinkillada e Daquidarría entre outras formacións.
O festival desenvolverase nun recinto por primeira vez pechado na praza da Revolta. As entradas están a venda online (a través da web https://www.discalzospolofestival.gal/) e tamén en varios establecementos da vila.
As portas abriranse o venres aproximadamente ás 20.00 horas e os concertos comenzarán arredor das 22.00 coa actuación da banda de San Sadurniño Sandford Music Factory, un cuarteto consagrado ao rock. Sucederalles no escenario o grupo Dios Ke Te Crew, pioneiro do rap en galego, e a noite continuará cos revolucionarios Dakidarría e o post-hardcore instrumental dos Turbo Kraks.
Ao día seguinte, sábado, haberá unha sesión vermú gratuíta no parque de San Isidro, entre as 12.30 e as 15.00 horas. Pola tarde, aproximadamente co mesmo horario do día anterior, o recinto da praza da Revolta recibirá a Emeterians and Fordward Ever Band, Quinkillada, Boyanka Kostova e Eme DJ.
Desde a organización, que conta tamén co apoio da Deputación da Coruña, recordan que un ano máis haberá acampada gratuíta no campo de fútbol do IES Punta Candieira, moi próximo ao lugar dos concertos, e que no interior haberá foodtrucks.
Ópera Studio
Por outra banda, o sábado 31 será tamén a data da estrea da peza que se produciu este ano no marco da terceira edición da Ópera Studio, un dos escasos programas deste tipo que existen en Galicia e que está dirixido a tender unha ponte entre a etapa académica e a profesional no mundo da lírica. Xa durante a pasada fin de semana, os músicos e cantantes que toman parte na iniciativa protagonizaron varios recitais no paseo da Mariña, co que contribuíron a animar todavía máis o ambiente da localidade neste bulideiro agosto. Tamén neste caso a iniciativa conta co respaldo do Concello de Cedeira.
O Auditorio Municipal acollerá, ás 18.00h, a posta en escea da ópera “Acis e Galatea”, de G.F. Haendel. As entradas, de balde, poden reservarse a través do formulario online que está dispoñible na web do Concello ou ben recollelas desde unha hora antes da función na billeteira do Auditorio.