Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEZ ESTABLECEMENTOS DE CEDEIRA PARTICIPARÁN A VINDEIRA FIN DE SEMANA NO CERTAME “TAPAS DE OUTONO”

Dez establecementos hostaleiros de Cedeira van ofrecer as súas mellores “Tapas de Outono” no certame que se desenvolverá os días 29 e 30 de novembro e o domingo 1 de decembro. Finca A Nogueira, Pizzería O Sherif, Mástil, Bon Pé, Taberna Praza do Peixe, Galifornia, O Mesón, O Amanexo Gastrobar, Brisa e Alitas participarán nesta nova edición do concurso, que o Concello impulsa para dinamizar a hostalería local e contribuír a poñer en valor o seu bon facer.

Cada un dos locais participantes servirá a súa tapa nos servizos do venres pola noite, o sábado ao mediodía e á noite e o domingo ao mediodía. O público poderá degustalas ao prezo de 3€ e ir cubrindo un cupón cos selos dos establecementos. Unha vez que o cupón ten cinco selos xa é posible votar, outorgando 3, 2 e 1 puntos aos bocados que se consideren mellores. As persoas que voten entrarán no sorteo dunha cea para dúas persoas no establecemento gañador.

“Tapas de Outono”, o nome do certame, fai referencia ao uso dos ingredientes propios da tempada, que é un dos requisitos que establecen as súas bases. Gañará o petisco que máis puntos sume e o que teña máis votos de 3 puntos en caso de empate, sempre cun mínimo de 50 votos. O Concello dará a coñecer as tres tapas máis votadas.