Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Costas leva a cabo a reposición da tarima de madeira do paseo marítimo

COSTAS LEVA A CABO A REPOSICIÓN DA TARIMA DE MADEIRA DO PASEO MARÍTIMO, NO TRAMO DO COLEXIO NICOLÁS DEL RÍO

Operarios da empresa Tragsa traballan estes días na reposición duns 20 metros de tarima de madeira do paseo marítimo de Cedeira, no tramo do colexio Nicolás del Río. Esta tarefa, que impide o paso pola zona, está incluída dentro das intervencións que a Demarcación de Costas en Galicia leva a cabo no municipio despois de ter consensuados algúns contidos do proxecto coa Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira.

A actuación que agora se fai consiste na reposición do taboado que se atopa en mal estado e se acomete despois da levada a cabo na zona dunar, que foi a que se convertiu no cabalo de batalla entre os membros da plataforma e os responsables do Ministerio de Medio Ambiente (Demarcación de Costas é un organismo estatal). Despois de comprometerse a xestionar un estudio de impacto ambiental da ría e de moderar algunhas das intervencións inicialmente previstas -a estabilización do perfil da duna quedou en 20 graos e a cima de coroación é de +10-, Costas puxo en mans da empresa Tragsa a realización do proxecto, que tamén incluíu a retirada de plantas invasoras, a plantación doutras autóctonas e a apertura dos regatos de San Isidro e A Revolta.