Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Comezaron a se repartir en Cedeira as primeiras racións de percebes, dos que se distribuirán 800 quilos

COMEZARON A SE REPARTIR EN CEDEIRA AS PRIMEIRAS RACIÓNS DE PERCEBES, DOS QUE SE DISTRIBUIRÁN 800 QUILOS

A choiva respectou a celebración da primeira xornada da XVI Festa do Percebe de Cedeira, que arrincou pasadas as doce do mediodía co inicio da degustación.

As racións, das que se esperan repartir un total de 4.000 durante as dúas xornadas que dura o programa, puxéronse á venda a 12 euros no caso do percebe (un euro menos con respecto ao 2016); a 10 euros as de polbo e a 5 as de pastelón.

Uns 800 quilos de percebes é a provisión da que dispón a Confraría para distribuír en racións de 300 gramos cada unha. Fervelos en auga do mar e sen loureiro para non disfrazar o sabor do produto son os segredos para a elaboración dun marisco ao que algúns lle dan a categoría de rei.

Ao mesmo tempo que arrincaba a degustación tamén comezaba a funcionar unha das principais novidades da presente edición da cita. É o tren turístico que achega aos visitantes desde a praza de Galicia ata o porto pesqueiro, lugar no que se desenvolve toda a actividade, incluída a musical. A charanga Santa Compaña encargouse de amenizar o mediodía deste último sábado de xullo, mentras que pola noite o fará o grupo “Os Claretes”, a partir das 21.30 horas. O programa de mañá inclúe, ademais da degustación (de 12.00 a 22.00 horas), as actuacións de Buxainas -nas horas centrais do día- e a Asociación As Aturuxeiras -ás seis da tarde-.

O Concello de Cedeira colabora coa Confraría de Pescadores na organización dunha festa que arrincou hai 16 anos e que representa “o sentir mariñeiro” da localidade, frase que tamén figura como lema nos carteis deste ano e que dá nome ao proxecto de promoción turística financiado pola Unión Europea, a través do Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal.

A Festa do Percebe coincidiu hoxe coa segunda edición da Xuntanza Motera, unha iniciativa da Asociación do Casco Vello. O programa incluíu unha ruta pola vila, unha comida a base de churrasco, un paseo pola tarde ata a ermida de Herbeira e música pola noite. Esta última actividade estivo a cargo dos grupos Kowloon e Pölisong.