Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Comezan as catas na busca de restos castrexos no campo do Castro

COMEZAN AS CATAS NA BUSCA DE RESTOS CASTREXOS NO CAMPO DO CASTRO

O goberno de Cedeira xa anunciara con motivo da aprobación dos orzamentos que unha das súas prioridades para o presente ano ía ser a ampliación da oferta turística coa recuperación dos restos máis antigos que existen no seu territorio. E así vai ser partir desta semana, xa que está previsto que mañá dea comezo a execución de catro catas no Campo de Castro. A historia sitúa nesta zona, localizada na península do Sarridal, un posible asentamento castrexo.

Os traballos correrán a cargo do equipo de arqueoloxía liderado por Emilio Ramil, e prolongaranse durante sete días. Ramil, xunto a tres auxiliares de arqueoloxía e un dibuxante-topógrafo, encargarase tanto da limpeza da parcela como da realización dunhas catas que poderían chegar ata o chan natural co obxectivo de localizar posibles restos. Tamén está prevista a utilización dun dron, case ao final da intervención, coa fin de elaborar e documentar fotograficamente unha planimetría detallada do lugar.

A concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, confía en que a intervención dea os resultados desexados. O Concello espera localizar algún tipo de estrutura que aconselle unha futura intervención arqueolóxica en toda a zona. A idea é crear un conxunto patrimonial a carón do castelo da Concepción.

A responsable de Cultura e Turismo tamén calificou de “rotundo éxito” as dúas saídas das Xeorutas celebradas durante os días da Semana Santa. Un total de 35 persoas -as mesmas que prazas previstas- visitaron as Praias Negras e tomaron contacto por primeira vez coa ruta chamada Granate. María Xosé Rodríguez adiantou que as saídas voltarán a programación municipal a partir do próximo mes de xuño e que haberá un total de catro, xa que a Granate se incorpora de forma permanente.