Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira volverá a lembrar este domingo ás persoas represaliadas polo réxime franquista

CEDEIRA VOLVERÁ A LEMBRAR ESTE DOMINGO ÁS PERSOAS REPRESALIADAS POLO RÉXIME FRANQUISTA

Colocarase outra placa no monolito en memoria dos presos do campo de concentración

Un ano máis Cedeira honrará aos veciños e, por extensión, a todas persoas represaliadas pola ditadura franquista cun acto que terá lugar o próximo domingo na praza da Revolta. A cita será ás 12.30 horas e desde a organización, que corre a cargo da Asociación Memoria Histórica Democrática e do Concello cedeirés, invítase ao conxunto da poboación local e á veciñanza da comarca en xeral a participar nun acto de homenaxe e lembranza ás persoas que foron especialmente castigadas pola ditadura.

Este ano, ademais, está prevista a colocación dunha segunda placa no monolito no que xa se honra aos presos do campo de concentración que houbo na vila durante a Guerra Civil. Tratarase así de recordar de maneira especial aos veciños de Cedeira que sufriron en primeira persoa a represión franquista. O seu deseño correspóndelle ao debuxante Siro López, mentres que a realización é obra do escultor Manuel Ferreiro, da Coruña.

O acto dará comezo precisamente co descubrimento desta nova laminiña feita en bronce. A continuación terán lugar as intervencións, entre elas a do alcalde, Pablo Moreda; e a interpretación da alborada local, que leva por título Abrente en Cordobelas, a cargo dun gaiteiro.

Tanto o equipo de goberno (PSOE, BNG e Anova) como a formación política Cedeira pola Esquerda apoian a celebración do acto.