Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira se estrea este venres como lugar de encontro co teatro de afeccionados

CEDEIRA SE ESTREA ESTE VENRES COMO LUGAR DE ENCONTRO CO TEATRO DE AFECCIONADOS

O mundo da escena chegará mañá venres a vila de Cedeira da man da Asociación de Teatro Aficionado Parteluz que, baixo a dirección de Víctor Díaz Barús, representará a obra “A noite vai como un río” de Álvaro Cunqueiro. E así, deste xeito, o arte das táboas incorporarase ano tras ano á vida dos cedeires coa celebración do Certame de Teatro Afeccionado, unha convocatoria que comeza este outono e que ven sendo unha das grandes apostas do equipo de goberno no campo da cultura.

“A noite vai como un río” é unha pequena obra mestra, segundo algúns críticos, na que o autor galego abandona os seus mitos para escribir unha peza na que predomina o elemento lírico. A asociación Parteluz representou a obra por primeira vez no mes de xuño no centro Ágora da Coruña.

Esta primeira cita coa arte escénica dará comezo ás oito da tarde, terá lugar no auditorio municipal e para vela non haberá que pagar entrada.

O certame terá continuidade os días 18 e 25 do presente coa participación da Asociación Pico do Castro, que representará a obra “O consultorio”, e a entidade O aturuxo de Melpómene, que porá en escena “Misterios” de Paula Carballeira.