Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira recupera a súa memoria gráfica

CEDEIRA RECUPERA A SÚA MEMORIA GRÁFICA

Imaxe:ANGEL MANSO

Como un verdadeiro «salseiro de recordos», que golpean e conmoven. Así se percibe a instalación montada no Museo Mares de Cedeira, a modo de palangrillo, para mostrar máis de 200 fotografías, que repasan a historia do pobo a través do traballo de mariñeiros, redeiras ou carpinteiros de ribeira. Como resalta o mestre Rafael López Loureiro, Calel, «Cedeira, dende as bretemosas orixes do seu nome, é mar e é mariñeira». E esta serie de imaxes recupera «o traballo, o valor e a afouteza mariñá (…), rostros esquecidos, acenos perdidos, xeitos desusados (…), o día a día dalgún tempo latexando aínda», apunta Calel, autor do texto introdutorio da exposición Salseiro de recordos.

«Xa no verán tivemos a idea e comentamos con Arribe ‘a este museo fáltalle a memoria gráfica’. E cando comezou a escola empezamos a traballar en colaboración co museo, os alumnos e as familias, pedíndolles fotos… E apareceron un feixe», conta unha das profesoras do Ceip Nicolás do Río envorcadas con esta iniciativa. Os escolares preguntaron en casa e os seus pais, os seus avós e os seus tíos desempoaron a memoria e os álbums, e reabriron os arcones. O tempo preservaba auténticos tesouros, «a etnografía dun pobo». Con cada imaxe había que encher unha ficha, para datala e identificar aos protagonistas. «Houbo quen se implicou tanto que contou a vida do mariñeiro que aparece na foto», agradecen os docentes.

Todo un descubrimento

Unha vez solicitado o material, os colexiais transcribieron a información e reproducíronse as fotografías, para garantir o coidado e a devolución dos orixinais (compromiso contraído desde o principio). A selección final exponse no Museo Mares de Cedeira ata o día 8 de xaneiro e despois, o mural instalarase no corredor do colexio cedeirense. «Para os nenos foi todo un descubrimento, ver que existen máis fontes de investigación que Google, que busquen en seu pai, seu tío ou seu avó, que lles van contar e transmitir unha historia», recalca unha mestra.

Mimo, Carducho de Grile, José de Mono e Juliño de Rabias lávanse as mans despois de manipular as tarrafas; as empregadas da fábrica de conservas A Tripolitania pousan para a cámara, entre 1943 e 1945; Manolo de Severo salta pola pedra en busca de percebes con pantalón curto, en 1975, e noutra estampa, aparece acompañado de Kiko de Tinita, Pucho, Fragueiro e O Chacarero, orgullosos tras vencer na regata de traiñeiras do día da Patroa de 1957 que, ao parecer, ata aquel ano, sempre gañaran os mesmos.

A pescada de Manolo do Salorio

Salseiro de recordos relata a vida a bordo dos barcos -incluíndo «as farradas» ou a visita dos xogadores do Real Madrid que viaxaban a Cedeira para fortalecerse-, as capturas extraordinarias -o peixe espada que conseguiu Benito, O Xirí, en 1965; ou a pescada de 15 quilos que exhibe Manuel Iglesias , Manolo do Salorio, hoxe coñecido tamén como o avó de Irene Caruncho-, o traballo de redeiras, mecánicos, pintores ou carpinteiros de ribeira -como o halador de aparello deseñado, construído e patentado no taller de Cendán-.

A exposición cobra vida cada vez que se achega algún protagonista e narra as súas vivencias daquela xornada ou estraña en voz alta aos compañeiros que xa non están. Os alumnos do Ceip Nicolás do Río visitan a mostra coas súas familias e retrátanse coa foto do avó. Uns búscanse, outros indagan sobre a identidade de fulanito ou menganita e case todos se emocionan. Nun recuncho da sala, no baixo da confraría, proxéctanse parte das imaxes en branco e negro. «Neste salseirazo de alustres, que azouta a faciana do esquezo, está a acordanza do ser que fumos, a certidume de ser quen somos e incertia de quen seremos», resume, ao seu xeito, Calel.

ANA F. CUBA

Fonte: A Voz de Galicia
CEDEIRA