Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA PROMOVE DO 18 AO 27 DE OUTUBRO O PRIMEIRO FESTIVAL DE ARTES ESCÉNICAS “DENDE A NADA”

O Concello de Cedeira promove, do 18 ao 27 de outubro, o Festival Internacional “Dende a nada”, un programa que vai constar de espectáculos, obradoiros e encontros arredor das artes escénicas e o seu proceso creativo. O Auditorio e a sala Áncora, así como algún espazo exterior de Cedeira, serán os escenarios das diferentes actividades, nas que as persoas interesadas van poder aprender e participar dun xeito activo, non só a través da observación desde a butaca.

O festival vai outorgar gran protagonismo aos obradoiros. Serán impartidos por Mestres en diferentes disciplinas relacionadas co entrenamento actoral, con calidade contrastada internacionalmente. A súa presencia en Cedeira, máis aló dos contidos dos talleres, vai permitir crear lazos con diferentes enfoques das artes escénicas. Haberá cinco obradoiros, os días 19, 23, 24, 26 e 27, sobre diferentes cuestión relacionadas coa construción dun espectáculo, as ferramentas narrativas, teatrais, de expresión corporal, etc.

O festival “Dende a nada” propón tamén cinco “Encontros” con profesionais do sector, os días 19, 20, 24, 25 e 27, para abordar temas como a creación e produción dun espectáculo ou as posibilidades de transformación social a través das artes escénicas.

Tres espectáculos completarán o programa desta primeira edición do festival, todos moi relacionados co movemento: “Perder a lingua” da Cía Eva Comesaña, “Alleo” de Colectivo Glovo e “Outrora Nós” de Mevadeus”, que se representarán no Auditorio Municipal os días 18, 23 e 27.
Nesta primeira edición, o festival aborda as artes escénicas en xeral. Porén, para vindeiras edicións, a dirección de “Dende a nada” ten intención de achegar outras disciplinas ao escenario. Desde o Concello de Cedeira consideran que esta proposta, que vai chegar en datas xa apartadas do alboroto do verán, é “unha aposta pola calidade”.
Desde o goberno municipal destacan o valor que achega a dirección do festival, a cargo de Simone Jenkinson, Joseph Traynor e Quique Váquez, e a produción de Hilo Retiro, sen a cal non sería posible desenvolver esta programación na localidade.

Os encontros serán de entrada libre, porén será preciso inscribirse nos obradoiros e reservar entradas para os espectáculos. Pode facerse xa a través do mail enrique.vazquez@cedeira.gal ou ben chamando ao 649 876 614.

Descarga Dosier