Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA, NA CATEGORÍA OURO DA REDE DE PRAIAS SEN FUME POR MANTER TODAS AS SÚAS PRAIAS LIBRES DE TABACO

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, estará o vindeiro día 18 en Cabanas para participar no acto de recoñecemento que a Consellería de Sanidade vai facer aos municipios que apostan por librar os seus areais do fume do tabaco. Cedeira é un dos concellos que ten a “Categoría Ouro” entre os 28 que na provincia da Coruña contan con algún distintivo de “Praia sen Fume” por inscribir nesta rede as súas dúas praias, a da Madalena e a de Area Longa.
A rede de praias sen fume naceu como consecuencia da iniciativa que en 2012 puxo en marcha o Concello de Baiona. En 2016 a Consellería de Sanidade creo a rede, co obxectivo de estender a idea a todo o litoral galego e contribuír con ela a promocionar a saúde e a protección do medio ambiente.

O Concello de Cedeira adheriuse en 2019 coa praia da Madalena e incorporou xa ao ano seguinte a de Area Longa, co que entrou xa na Categoría Ouro da rede por ter todos os seus areais libres do fume do tabaco.