Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira cubriu en poucos días as vinte prazas do primeiro curso de guías locais do medio natural

CEDEIRA CUBRIU EN POUCOS DÍAS AS VINTE PRAZAS DO PRIMEIRO CURSO DE GUÍAS LOCAIS DO MEDIO NATURAL

O Concello de Cedeira encheu con facilidade as vinte prazas do curso de guías locais do medio natural que se celebrará os días 27 e 28 do presente mes e do que sairán os profesionais que axudarán aos turistas a descubrir a riqueza paisaxística, patrimonial e natural que existen no municipio.

A formación, tanto práctica como teórica, abarcará un total de 16 horas e, entre outras materias, os participantes adquirirán coñecementos de xeoloxía, bioloxía, xeografía e arqueoloxía. Ditas materias serán impartidas por Francisco Canosa Martínez, Laura Carquijero López, José Manuel Sierra Pernas e Emilio Ramil, respectivamente.

A biblioteca do auditorio municipal (2ª planta) acollerá as clases teóricas, mentres que as prácticas consistirán nun percorrido polos lugares que poidan ser de máis interese cara aos visitantes.

A organización do programa correu a cargo do Concello, que contou coa axuda da Consellería de Pesca para acceder aos fondos europeos para o desenvolvemento dos municipios costeiros. Neste sentido, cabe recordar que a administración cedeiresa impulsa, con outros municipios da comarca, a creación de Xeoparque do Cabo Ortegal e participa do proxecto denominado “Entre Arcos e Cantís”, financiado a través do Grupo de Acción local do Sector Pesqueiro (Galp) da mariña-Ortegal, xunto aos concellos de Ribadeo e Burela.