CEDEIRA CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA A FESTA DO PERCEBE, O EVENTO GASTRONÓMICO MÁIS ESPERADO DO VERÁN
A Confraría de Pescadores de Cedeira celebrará a vindeira fin de semana, o sábado 3 e o domingo 4 de agosto, a vixésimo primeira edición da Festa do Percebe, un evento sempre multitudinario que exalta un dos produtos aue lle dá sona internacional á lonxa local. O Concello colabora un ano máis na cita gastronómica, que se desenvolve nesta primeira fin de semana de agosto xunto con outros eventos, como son a VII Bandeira de Traiñeiras e a XXVI Travesía a Nado.
O prezo ao que se venderá o percebe na festa desta fin de semana ainda está por ver, xa que a Confraría comezaba onte a comprar o produto. Será, en calquera caso, un prezo popular para un crustáceo que en ocasións, habitualmente en Nadal, chega a marcar récords por riba dos douscentos euros o quilo. Baixo unha gran carpa situada no peirao o público poderá degustar percebes e tamén polvo á feira e empanadas de berberechos ou de liscos, acompañado de bebidas e pan.
Segundo informou a Confraría, xa están comprados 600 quilos de polbo, un cento máis que o pasado ano, e a intención é tamén superar os 500 kg de percebes que se mercaron o pasado ano. O público deberá comprar nas billeteiras os bonos para pasar despois polo mostrador a recoller as viandas e as bebidas. O horario será amplio: tanto o sábado como o domingo, a festa prolongarase de 12.00 a 17.00 horas.
De novo este ano funcionará o tren turístico, que estará facendo viaxes continuos durante a festa desde a praza de Galicia ata o peirao, coa finalidade de facilitar a afluencia e minimizar o número de vehículos.
O sábado, día 3, o ambiente na localidade cedeiresa estará tamén animado pola celebración da VII Bandeira de Traiñeiras que organiza o Club de Remo Cedeira. A proba, inserida na Liga Galega B, desenvolverase a partir das 17.30h coa participación de embarcacións de Bueu, Redondela, A Pobra do Caramiñal, Riveira e Perillo xunto ao equipo local. Ao día seguinte terá lugar a XXVI Travesía a Nado Ría de Cedeira. A proba, que comezará ás 17.00h, adoita reunir na localidade a entre 150 e 200 a nadadores de diferentes categorías e de clubs de toda Galicia, que cubrirán, segundo a súa idade, distancias de entre 50 e 1.500 metros.
Tobogáns xigantes
O Concello informa de que desde hoxe ata o venres instalará na praza da Revolta, xunto á praia da Madalena, os tobogáns xigantes que xa recalaron na vila en veráns anteriores con grande éxito. Ao igual que en anos anteriores, haberá un tobogán máis grande, o “Gravity”, de 35 metros de lonxitude, para o que se esixirá ás persoas usuarias unha altura mínima de 1,5 metros. Tamén estará instalado outro máis pequeno, o “Selva”, con dous esvaradoiros de 18 metros.
Os tobogáns funcionarán de balde, de 11.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, agás hoxe día 30, que abrirán so pola tarde. Igualmente, por iniciativa, do Concello de Cedeira, a praia de Area Longa acollerá varias atraccións hinchables tanto acuáticas como terrestres, e kayaks que poderá tamén emplear a xente de xeito gratuíto.