Cedeira amplía as prazas do curso de guías do medio natural para admitir aos 39 solicitantes
CEDEIRA AMPLÍA AS PRAZAS DO CURSO DE GUÍAS DO MEDIO NATURAL PARA ADMITIR AOS 39 SOLICITANTES
Trinta e nove persoas tomarán parte no curso de guías locais organizado polo Concello para formar aos profesionais que axudarán a mostrar aos visitantes as riquezas naturais e patrimoniais do municipio
Inicialmente era unha convocatoria pensada para un total de 20 persoas pero, ante o gran interese que despertou a iniciativa, os responsables municipais resolveron admitir a todos os inscritos, despois da revisión e baremación da documentación aportada polos solicitantes.
A concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, explicou o acordo sinalando que “decidimos a ampliación porque todas as persoas solicitantes teñen as características que se requerían nas bases de inscrición e o seu interese para a realización do curso está máis ca xustificado como así o expresan nos escritos que acompañan ás solicitudes”. Segundo a concelleira, “todo isto sumado á nosa disposición por divulgar coñecementos dos recursos naturais e patrimoniais de Cedeira e pensando fundamentalmente nas persoas que se atopan en situación de desemprego que poidan aproveitar esta formación, levounos a tomar a decisión, consensuada co director do mesmo, Francisco Canosa, de admitir á totalidade de inscritos”.
O curso dará comezo o sábado, ás 9.00 horas, na Sala Áncora coa entrega da documentación e a presentación de contidos. A xeoloxía, a flora e fauna e a xeomorfoloxía e climatoloxía da Serra da Capelada son, xunto ao patrimonio arqueolóxico de Cedeira, as materias que se abordarán un programa formativo de 16 horas de duración. Esta actividade teórica completarase ao día seguinte, domingo, cunha visita a distintos enclaves con interese xeolóxico, biolóxico e arqueolóxico do concello cedeirense.