CEDEIRA ACTIVOU UNHA FORMACIÓN PARA A MESA LOCAL DE COORDINACIÓN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Co afán de facer da Mesa de Coordinación Institucional contra a Violencia de Xénero un órgano dinámico e verdadeiramente útil, o Concello de Cedeira solicitou a posta en marcha dun programa de formación que tivo esta semana a súa primeira sesión e que se completará con outra no vindeiro mes de outubro. A Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta imparte ditas sesións, nas que participa persoal da Subdelegación do Goberno, do propio Concello, dos centros educativos da localidade, axentes das forzas de seguridade (policía local e garda civil), axentes xudiciais e profesionais do Centro de Saúde.
Cómpre recordar que a devandita Mesa de Coordinación Institucional constituiuse a principios deste ano e é un órgano que reúne a todos os actores que poden alviscar situacións de perigo ou de violencia contra as mulleres e cuxa función prioritaria é ofrecer ferramentas para traballar na prevención, a detección precoz e dar unha resposta áxil ás vítimas.
O Concello de Cedeira está tamén adherido, desde comezos de 2023, ao sistema Viogen para a prevención da violencia de xénero, que aglutina toda a información sensible sobre os casos e permite que tamén a Policía Local teña información e faga seguimento sobre algún deles, xeralmente aqueles considerados de baixo risco.
O salón de plenos do Concello acolleu este martes a primeira sesión formativa e volverá facelo o vindeiro día 8 de outubro, co obxectivo de que melloren en Cedeira as capacidades e a organización dos procesos relacionados coa prevención e a actuación ante casos de violencia de xénero.