Cedeira acollerá no mes de xullo o campus de fútbol da fundación da federación Española de fútbol
CEDEIRA ACOLLERÁ NO MES DE XULLO O CAMPUS DE FÚTBOL DA FUNDACIÓN DA
FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE FÚTBOL
A vila de Cedeira será este ano, entre os días 16 e 29 de xullo, sede do Campus de Fútbol da Fundación da RFEF (Real Federación Española de Fútbol), un feito quepara o Concello “é un logro moi importante” pola posibilidade que se lles ofrece aos nenos de aprender e gozar do fútbol e tamén por “ser escollido por diante doutros concellos con máis relevancia de poboación e recursos que o noso”.
O alcalde, Pablo Moreda Gil, entende que “tamén é unha oportunidade única para dar a coñecer o que a vila pode ofrecer as persoas que a visitan, desde lugares emblemáticos como pode ser o caso de San Andrés de Teixido, ata espazos naturais tan relevantes como son os cantís máis altos da europa continental, sen esquecer a gastronomía, as praias e e noso patrimonio monumental”.
O campus, dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e 17 anos, desenvolverase en dúas quendas. Así, haberá unha primeira do 16 ó 22 de xullo e outra, a partir do día 23 do mesmo mes. O prezo é de 100 euros para os empadroados en Cedeira e na provincia da Coruña e de 170 euros para o resto. A inscrición pódese facer na páxina web da Federación Española de Fútbol (www.rfef.es), no teléfono 914959851 ou a través do correo ealvarez@rfef.es.
Ademais das actividades deportivas (táctica e técnica), os participantes levarán a cabo outras máis relacionadas co ocio -excursións, praia e piscina- e podrán coñecer a xogadores e adestradores de recoñecido prestixio.
O colexio Nicolás del Río convertirase por uns días no lugar de aloxamento para os nenos que opten pola posibilidade de réxime interno. Esta escolla leva incluído o almorzo, a comida e mesmotamén a cea. Os que elixan o sistema de réxime externo só terán dereito á comida.
Todos os participantes recibirán un diploma e unha evaluación técnica da RFEF, así como as equipacións utilizadas -tanto a oficial como a de adestramento-, fotografías e unha invitación da selección Española de Fútbol para visitar o Museo Mares de Cedeira, unha iniciativa local para mostrar a cultura relacionada coa mar e a pesca.
O Concello de Cedeira agradece a dispoñibilidade que en todo momento amosaron a dirección do Colexio Nicolás del Río e a Xefatura Territorial de Educación para a cesión das instalacións escolares.