Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

URBANISMO

Cedeira inviste máis de 54.000 euros en mellorar catro camiños públicos da zona rural

CEDEIRA INVISTE MÁIS DE 54.000 EUROS EN MELLORAR CATRO CAMIÑOS PÚBLICOS DA ZONA RURAL

O Concello de Cedeira vén de investir 54.762,95 euros na reparación de catro camiños rurais de titularidade municipal. Trátase dos de Vilarcay, Meizoso, As Bieiteiras e Igrexa de Cervo.

As actuacións consistiron principalmente na limpeza de cunetas por ámbalas dúas marxes, en ampliar en 15 centímetros a altura da capa de rodaxe e no rego asfáltico semiprofundo e superficial no conxunto total das superficies intervidas. Estas abrangueron un total de 7.700 metros cadrados.

Desde o goberno municipal destácase a necesidade de seguir investindo en infraestruturas para mantelas nas mellores condicións posibles, tanto para garantir a seguridade de condutores e peóns como para facilitar a comunicación en todo o termo municipal.

As obras agora rematadas recibiron financiamento local e autonómico, este último a través dos fondos Agader do ano 2017.

VER GALERÍA das melloras de catro camiños públicos da zona rural

A limpeza de predios tamén é obrigatoria no casco urbano

A LIMPEZA DE PREDIOS TAMÉN É OBRIGATORIA NO CASCO URBANO

O Concello de Cedeira quere lembrar que é obrigatorio manter os predios do casco urbano sen maleza e libres de residuos, como se recolle no regulamento municipal de limpeza. O cumprimento desta obriga é especialmente necesario na época estival por motivos de saúde ambiental. No verán, o incremento das temperaturas, do tránsito de persoas e da xeración de residuos facilita a proliferación de todo tipo pragas como insectos, roedores etc.

O Regulamento dos servizos municipais de limpeza viaria, recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e punto limpo do Concello de Cedeira tamén especifica as posibles sancións e multas ás que se poden enfrontar as persoas titulares dos inmobles por non mantelos en condicións de hixiene, salubridade e seguridade adecuados.

Desde o goberno municipal solicítase a colaboración e responsabilidade das persoas propietarias. Entre todas e todos podemos evitar as molestas pragas e mellorar a limpeza, a calidade ambiental e a imaxe do noso concello.

Expropiacións por 124.100 euros para a variante das Pontigas

EXPROPIACIÓNS POR 124.100 EUROS PARA A VARIANTE DAS PONTIGAS

A Deputación destina 124.100 euros á expropiación de 16.000 metros cadrados de terreo, necesarios para a construción da variante das Pontigas, unha obra cuxa execución custará 607.000 euros. No «Boletín Oficial da Provincia» do venres publicouse o anuncio do levantamento de actas previas á ocupación das 83 propiedades afectadas.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Expropiacións por 124.100 euros para a variante das Pontigas