Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira volve a mirada cara a Cuba

CEDEIRA VOLVE A MIRADA CARA A CUBA

Vinte e cinco veciños parten hoxe cara á Habana, nunha viaxe organizada polo colectivo de Piñeiro en agradecemento aos fundadores da casa escola, en 1927.

En 1921 constituíuse a Asociación Fillos do Concello de Cedeira na Habana, co obxectivo de «fomentar a instrución entre os habitantes de Cedeira e a cultura entre os seus asociados», segundo recollen os estatutos. Seis anos despois, a sociedade fundou casa escola de Piñeiro, nesta parroquia cedeirense, grazas a «a un préstamo de cen pesos, como mínimo por un ano e sen intereses», por parte de Manuel Rodríguez, vicepresidente da entidade, como recordaba Antonio Rei Caruncho, Tas, directivo da Asociación Veciños de de Piñeiro, nos actos conmemorativos do 90 aniversario do centro educativo.

A escola formou a varias xeracións, desde 1927 ata 1974, cando o ensino se aglutinou no CEIP Nicolás del Río; e desde entón ata 1987, como sede da sección do Instituto Politécnico de Formación Profesional Marqués de Suanzes (Ferrol). Hoxe parten cara á illa caribeña 25 cedeirenses, nunha viaxe de sete días organizado polo colectivo veciñal de Piñeiro para coñecer a algún dos descendentes dos fundadores de cásaa escola. «Aquela asociación formada por emigrantes galegos mandou diñeiro para a construción do edificio e agora a nosa levaralles medicamentos, roupa ou artigos de aseo persoal [doados por familiares daqueles emigrantes e por cubanos que residen na zona], ademais dun ordenador [o equipo do que dispoñen non funciona], comprado con fondos propios, e unha placa conmemorativa», explica Fina Nebril, secretaria da organización. «Tamén imos convidar aos membros da directiva a unha comida de confraternidade, porque alí temos todos familiares, na considerada como a terceira cidade galega, o cemiterio de Cristóbal Colón», apunta Tas, que participará na expedición. Tamén lles entregarán unha placa encargada polo Concello de Cedeira para render tributo aos promotores da vella casa escola.

«Fixéronnos unha escola preciosa, que aínda está en activo [como sede desta e outras entidades], e nunca se lles fixo un acto de agradecemento», lamenta Tas. Esta viaxe servirá para resarcirlles, dalgún modo, polos anos de silencio. «Foi xestionado con moita ilusión, porque sempre tivemos empeño en homenaxear aos emigrantes do noso concello, que tan ben acollidos foron polo pobo cubano, e que apostaron pola educación como base para facer medrar ás persoas e ás nacións», remarca Nebril. A Asociación de Fillos do Concello de Cedeira na Habana, que preside Olivia Menéndez, está «moi agradecida» por unha colaboración que non esperaba. Entre outros lugares, visitarán o complexo cultural Alicia Alonso, antigo Centro Galego.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Cedeira volve a mirada cara a Cuba

 

Aviso de corte de suministro eléctrico o 9 de febreiro

AVISO DE CORTE DE SUMINISTRO ELÉCTRICO O 9 DE FEBREIRO

A empresa Unión Fenosa vén de remitir unha nova comunicación ao Concello, informando do corte no suministro eléctrico o día 9 de febreiro de 2018, de 9:00 a 12:00 horas. A continuación, pode ver o texto da comunicación recibida:

“Co fin de efectuar os traballos de mantemento e desenvolvemento da rede eléctrica precisos para poder atender nas mellores condicións as necesidades de subministración da zona, informámoslles que o próximo día 9 de febreiro de 2018, de 9:00 a 12:00 horas, imos proceder a deixar fóra de servizo unha serie de instalacións, o cal pode provocar interrupcións na súa subministración de electricidade durante ese intervalo de tempo.
As instalacións eléctricas sometidas a descargo afectan ás seguintes rúas ou lugares:
ALDEA BEREIXO, PARDIÑEIRA, PONTIGAS, TOXO, AV. ZUMALACARREGUI, ALDEA VERIÑO DE ABAIXO, ATRIO, EIRAVEDRA, CANABAL, NOGUEIRA, BARRAL, REGO, RUA, BOUZA, TIDE, ERBELLAS, CASANOVA, PAINCEIRA, FORMIGUEIRO.

Rogamos disculpen as posibles molestias ocasionadas”.

A Asociación Sobre Rodas xa ten o seu transporte adaptado

A ASOCIACIÓN SOBRE RODAS XA TEN O SEU TRANSPORTE ADAPTADO

Hoxe fíxose oficial a axuda que recibiu a Asociación Sobre Rodas, por parte do Concello de Cedeira e máis da Obra Social “La Caixa”, para a posta en funcionamento do transporte adaptado coa celebración dun acto no que estiveron presentes o alcalde, Pablo Moreda Gil; o director de Caixa Bank na localidade, Raúl Polo, e a presidenta da entidade Malena Pérez Villar.

O Concello de Cedeira colaborou cunha achega de 4.700 euros para a compra e instalación da plataforma elevadora, mentres que a entidade bancaria contribuíu coa cantidade de 12.000 euros para mercar o vehículo.

Pablo Moreda Gil reiterou o compromiso que existe no equipo de goberno coas persoas con mobilidade reducida, unha postura que se vén materializar coa execución de obras que simplifiquen o día a día de quen teña este tipo de problema. A eliminación das barreiras arquitectónicas en rúas, prazas e centros públicos está a ser unhas das prioridades do executivo local dentro do presente mandato. O alcalde tamén quixo agradecer o traballo que tanto desde a asociación como por parte dos voluntarios que colaboran con Sobre Rodas se está a realizar para tratar de normalizar o máis posible a vida das persoas de van en cadeira de rodas ou teñen necesidades especiais.

Raúl Polo agradeceu aos responsables de Sobre Rodas o seu traballo a prol daquelas persoas con problemas de mobilidade e destacou que “é unha gran satisfacción para todos os compañeiros de Caixa Bank en Cedeira poder apoiar á asociación a mellorar o servizo que presta aos seus usuarios”.

Por último, Malena Pérez Villar recordou que sen a axuda do Concello e da entidade bancaria a entidade non podería ofrecer o servizo, que está a realizar unha media de 100 viaxes ao mes. Pérez Villar agradeceu o xesto de xenerosidade que tanto a Obra Social “La Caixa” como o Concello tiveron para os usuarios da asociación. “É unha deuda eterna”, dixo.