Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A arqueoloxía será o tema da charla que o Concello programa para o venres 14 de decembro

O Concello de Cedeira promove para o próximo venres, día14, unha charla de arqueoloxía para afondar no coñecemento das pedras formosas, antigas saunas castrexas das que en Galicia existen un total de cinco, a última en Cedeira.

O auditorio municipal acollerá un acto que dará comezo ás 20.00 horas e no que intervirán Emilio Ramil González, arqueólogo e socio da empresa AXA, e máis Ángel Villa Valdés, do Real Instituto de Estudios asturianos.

Cuestións como a datación destas construcións a través da proba do carbono 14, que recentemente situou a atopada en Cedeira no século III a.C., e o descubrimento e interpretación das pedras formosas son algunhas das que serán abordadas polos expertos.

O interese da convocatoria leva ao Concello a invitar á veciñanza a acudir á charla para coñecer e valor o patrimonio local.

O Festival de panxoliñas da coral Estrelas do Mar será mañá no Auditorio de Cedeira

O auditorio municipal de Cedeira acollerá mañá, día 8, o Festival de Panxoliñas organizado pola coral da 3ª Idade Estrelas do Mar e no que intervirán tres formacións de música coral. Así, e ademais da promotora do evento, pasarán polo escenario do centro cutural a Rondalla de Cedeira e a coral Virxe do Monte, de Cospeito (Lugo).

O programa, que chega este ano a súa edición número oito, dará comezo ás oito da tarde e conta coa colaboración do Concello, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Confraría de Pescadores de Cedeira e máis da Federación Coral Galega.

Cedeira presenta o día 7 o catálogo da exposición “Cedeira no século XX” da Asociación de Maiores

O auditorio municipal acollerá este venres, día 7, a presentación da revista-catálogo da exposición fotográfica “Cedeira no século XX” reunida pola Asociación de Maiores de Cedeira e que se vén sumar a outras dúas anteriores sobre a mesma temática. A intención é contribuír á recuperación da memoria colectiva con imaxes de xente, do traballo e dos lugares máis representativos da localidade.

No acto, que dará comezo ás 20.00 horas, intervirán María Xosé Rodríguez Pérez, concelleira de Cultura, e máis Antóm Labranha, coordinador dunha mostra que se poderá visitar no Palatece municipal. O acompañamento musical correrá a cargo de Iria, Quique e Dopazo.