Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

O CLIA DE CEDEIRA ESTREOUSE NO XI FORO DA INFANCIA UNICEF QUE SE CELEBROU ONTE NO PARLAMENTO GALEGO

O Consello Local da Infancia e Adolescencia de Cedeira participou onte no XI Foro da Infancia Unicef que se desenvolveu no Parlamento de Galicia, no que tamén tomaron a palabra integrantes dos outros once municipios que contan con este organismo de participación. Anxo Moreda actuou como voceiro do CLIA cedeirés e abriu a quenda de intervencións subliñando a importancia de que nenos, nenas a mocedade conten á hora de deseñar políticas públicas e poidan opinar sobre os cambios que se producen na sociedade “porque a nós tamén nos afectan”.
O voceiro do CLIA de Cedeira apelou ao Parlamento Galego para que faga seus os mesmos obxectivos que ten o consello local e garanta que a infancia e adolescencia ten voz tamén na Xunta de Galicia.

Xunto co consello de Cedeira participaron na sesión representantes dos organismos de participación de Laracha, A Coruña, Burela, Nigrán, Moeche, Ponteareas, Redondela, Teo, Tomiño e Viveiro. Cómpre recordar que o CLIA cedeirés acaba de crearse –o pleno de aprobación do seu regulamento celebrouse o pasado día 17- e está formado por trinta nenos e nenas, rapaces e rapazas tanto do CEIP Nicolás do Río como do IES Punta Candieira.

PUBLICADA A APROBACIÓN INICIAL DO REGULAMENTO DO CONSELLO LOCAL DE INFANCIA E ADOLESCENCIA

O Pleno do Concello de Cedeira, en sesión extraordinaria realizada o 17.11.2023, acordou a aprobación inicial do Regulamento do Consello Local de Infancia e Adolescencia.
De conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, sométese o expediente a información pública polo prazo de trinta días, a contar dende o seguinte ao da inserción do presente anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de edictos do Concello, co fin de que os interesados poidan examinalo e presentar as reclamacións e suxerencias que estimen oportunas, encontrándose o expediente de manifesto na Secretaría do Concello durante o prazo sinalado.

Pódese consultar o texto do Regulamento municipal na seguinte ligazón:

Descarga PDF Regulamento Consello Local de Infancia e Adolescencia de Cedeira.

Descarga PDF Anuncio Aprobación inicial do Regulamento do Consello Local de Infancia e Adolescencia

De non presentarse reclamacións durante o citado prazo, o Regulamento considerarase definitivamente aprobado.

O CONCELLO DE CEDEIRA REXEITARÁ NESTE 25N A VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES CUN MINUTO DE RUÍDO

O Concello de Cedeira conmemorará este sábado o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto institucional no que se lerá un manifesto e se fará un “minuto de ruído” polas vítimas. Trátase de non silenciar o problema, tal como explicou Lucía Picos, a concelleira de Igualdade, e de expresar a rabia e a carraxe ante esta lacra. Neste acto, que terá lugar ás 19.00 horas no Auditorio Municipal, as voluntarias do Punto Lila lerán fragmentos do libro “Comezar desde cero”, no que a educadora social Tania Merelas recolle as voces de mulleres no proceso de recuperar as súas vidas despois da violencia machista.

Tamén o mesmo sábado 25 están programados actos de sensibilización contra a violencia contra as mulleres no Centro de Ocio Xuvenil. Alí, rapaces e rapazas de 12 a 18 anos están invitadas a asistir, ás 17.30 horas, á proxección da curta “Violencia invisible”, de María Giséle Royo. A cinta, premiada no Festival de Cine de Mulleres de Berlín, aborda situacións de violencia psicolóxica de xénero, unha parte que moitas veces queda oculta ou esquecida baixo o global do problema. Tras o pase comezará unha merenda-coloquio na que participará o equipo Faro da Igualdade do IES Punta Candieira.

No marco da conmemoración do 25N o Concello de Cedeira tamén impulsou a instalación, na entrada e no vestíbulo do Auditorio Municipal, dunha exposición creada polo alumnado do ciclo de Edición de Publicacións do IES de Leixa. Nela aparecen siluetas de mulleres colgadas polos pés, con frases de cancións coñecidas que teñen unha dramática lectura baixo o foco da violencia machista.

Ata o Auditorio Municipal achegáronse esta mañá os alumnos e alumnas de 4º e 5º de ESO do IES Punta Candieira, para asistir á representación da obra “Vestido de voda”, unha peza de teatro social especialmente dirixida a promover a reflexión sobre a igualdade, os estetetipos de xénero, os mecanismos polos que se exerce o poder… todo a través do diálogo e a participación do público.