Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cabo Ortegal estuda presentar a súa candidatura a Xeoparque en 2018

CABO ORTEGAL ESTUDA PRESENTAR A SÚA CANDIDATURA A XEOPARQUE EN 2018

O Xeoparque de Cabo Ortegal traballa para presentar a súa candidatura á Unesco – este organismo é o encargado de conceder esta figura de relevancia internacional- o próximo ano. Tal e como asegurou esta semana o xeólogo Francisco Canosa, o principal valedor técnico do proxecto no que están implicados todos os municipios desde Ortigueira a San Sadurniño, exceptuando As Somozas que se desmarcou do proxecto desde o inicio, e a Asociación de Amigos do Xeoparque Cabo Ortegal. “Estamos á espera de que saia adiante o Plan de Patrimonio da Deputación e podermos seguir traballando para que esa candidatura poida ser unha realidade o ano que ven”, indicou. E é que, aínda que a parte técnica está practicamente lista, na parte económica esperan poder contar co apoio provincial para sacar o proxecto adiante.

O complexo de Cabo Ortegal abarca 630 quilómetros cadrados de superficie dos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, onde se localizan ata 52 lugares de interese xeolóxico e cinco sitios de relevancia internacional por atoparse neles formacións únicas ou case imposibles de ver en ningún outro lugar do mundo. Ese é o principal valor dunha zona onde se atopan praias de area vermella, praias de area negra como a de Teixidelo, a única no planeta -que se saiba- de orixe non volcánica, afloramientos de lava, granitos negros, restos glaciares, e rocas que habitualmente están a máis de 70 quilómetros de profundidade e que aquí poden observarse a simple vista.

Tanto a asociación como os concellos implicados están a desenvolver un intenso programa de actividades divulgativas entre as que destacan as georrutas por lugares de maior interese. Actualmente hai sete itinerarios: o do Limo, o do Cobre, o dos Volcáns, o do Arsénico, o de Praias negras, o do Toelo e o das Pías.

Fonte: Diario de Ferrol
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Cabo Ortegal estuda presentar a súa candidatura a xeoparque en 2018