Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Buxainas soubo transmitir á xente o traballo e esforzo que se alienta desde a agrupación para manter viva a tradición folclórica

BUXAINAS SOUBO TRANSMITIR Á XENTE O TRABALLO E ESFORZO QUE SE ALIENTA DESDE A AGRUPACIÓN PARA MANTER VIVA A TRADICIÓN FOLCLÓRICA

Maruxa e Antonia son dous personaxes da obra “Aires de la Habana” creada pola Asociación Cultural Buxainas para narrar a vida en Galicia na metade do século XX. Son os mesmos que hoxe estiveron no balcón da Casa do Concello para anunciar as festas e explicar o que a entidade é e representa para a cultura galega e para a vila de Cedeira.

Iria Bermúdez e Elena López, xunto a Roberto Piñón e Clara Bellas, recordaron a historia vencellada a unha agrupación que desde o ano 1994 vela por manter e conservar o folclore tradicional galego impartindo clases de baile e música para nenos e nenas de todas as idades. Os pregoeiros pertencen as escolas Lembranza e Honreiras que acollen a rapaces de entre 18 e 24 anos. Ante un nutrido auditorio, estes catro representantes de Buxainas souberon transmitir á xente o traballo, esforzo e colaboración que se alenta desde o interior da agrupación para manter viva unha tradición folclórica que representa e é o sinal de identidade dun pobo. Fixérono cunha conversa moi fluída que fixo as delicias dos alí presentes.

Tamén houbo mencións especiais para as moitas persoas que colaboran coa entidade e outros momentos nos que explicaron a importancia e a responsabilidade que representa levar o nome de Cedeira polos moitos lugares nos que a agrupación recolle éxitos e aplausos, así como o orgullo de estar vencellada á localidade e de ter este ano a oportunidade de convidar desde o balcón do Concello á veciñanza e visitantes a gozar dos moitos días de festa que están por vir.

Na súa intervención, o alcalde, Pablo Moreda Gil, recordou a historia da agrupación desde os seus inicios e valorou moi especialmente a capacidade que teñen os cedeirenses de crear escola en moi distintos ámbitos da sociedade. “Esa é a grandeza da xente de Cedeira”, asegurou e adiantou a intención que ten o equipo de goberno de volver a elixir entre as entidades locais aos pregoeiros dos próximos anos, xa que se trata, segundo apuntou, “dunha magnífica oportunidade para render homenaxe ás persoas de Cedeira que fan algo polo pobo, a súa riqueza ou tradicións”. Moreda Gil destacou asemesmo o poder de convocatoria que teñen as festas da localidade e chamou á responsabilidade de todos para que sexan tranquilas e felices.