Buscan axuda para recuperar os ríos Condomiñas e Pontigas
BUSCAN AXUDA PARA RECUPERAR OS RÍOS CONDOMIÑAS E PONTIGAS
O Concello de Cedeira cederá o mércores o salón do plenos para a celebración dunha reunión promovida por un grupo de veciños interesados en mellorar o estado actual que presentan os ríos Condomiñas e Pontigas. A cita dará comezo ás 19.30 horas e está aberta aos interesados.
Os convocantes aseguran que se trata dunha primeira toma de contacto para coñecer a resposta real da xente de cara á constitución dunha plataforma ou entidade que, ademais de garantir a conservación dos leitos, os poña en valor para o lecer de veciños e visitantes. Os ríos, segundo as organizacións ecoloxistas, serven para medir o grao de civilización dos países: a máis degradación menos nivel de vida.
Os impulsores da reunión confían en que a resposta da veciñanza sexa boa para comezar a traballar na recuperación do Condomiñas e do Pontigas.