Arranca a reposición da capa de rodadura na curva da Marabilla
ARRANCA A REPOSICIÓN DA CAPA DE RODADURA NA CURVA DA MARABILLA
En menos dunha semana a Xunta terá finalizada a obra de reparación que agora acomete nun tramo de 400 metros da estrada AC-566, á altura da curva da Marabilla, unha actuación que responde ao acordo alcanzado no seu día entre o Concello de Cedeira e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da conversa mantida no mes de xuño entre o alcalde, Pablo Moreda Gil, e o xefe do Servizo de Infraestruturas da Coruña, Felipe de la Vega Gándaras.
A obra está en marcha dende o día de onte. Con ela o goberno municipal pretende evitar os accidentes de tráfico que con frecuencia se viñan rexistrando na zona, en moitos dos casos polas malas condicións que ata o de agora presentaba a capa de rodadura. Por ese motivo, a intervención centrarase principalmente no acondicionamento do tramo coa colocación dunha nova base de rego asfáltico en quente.
Pablo Moreda Gil destacou que a situación que tiña a curva da Marabilla facía da zona uns dos puntos negros que aínda existen nas estradas de Cedeira, unha preocupación que leva ao goberno municipal a buscar a axuda de administracións como a Xunta ou a Deputación para darlles a solución máis adecuada a cada un deles, “porque as necesidades dos cedeireses tamén pasan por ter unhas infraestruturas seguras e adaptadas as súas esixencias”.
Outras demandas feitas polo alcalde na xuntanza do mes de xuño foron a reposición do firme no tramo de saída da vila en dirección ao Campo do Hospital e obras de sinalización horizontal de pasos de peóns e líneas descontinuas, entre outras. O alcalde confía en que tamén sexan unha realidade en breve.