Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello de Cedeira firma un acordo para completar os servizos que xa existen para atender ás mulleres maltratadas

O CONCELLO DE CEDEIRA FIRMA UN ACORDO PARA COMPLETAR OS SERVIZOS
QUE XA EXISTEN PARA ATENDER ÁS MULLERES MALTRATADAS

O Concello de Cedeira, xunto aos de Cariño, Ortigueira e Mañón, firmou onte un convenio para acceder ás subvencións que concede a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Iguadade, aos Centro de Información á Muller. A tramitación das axudas corresponderalle ao Concello de Ortigueira por ser, dende xaneiro de 2005, a administración da contorna que ten recoñecido o único centro que funciona na zona. Ademais de prestar atención específica ás mulleres vítimas da violencia de xénero, o centro contribúe á difusión e sensibilización cidadá acerca do principio de igualdade entre homes e mulleres, fomenta o asociacionismo e a participación das usuarias na sociedade civil e axuda a canalizar denuncias e queixas en mate-ria de discriminación, entre outros cometidos.

No que se refire aos casos de maltrato, segundo sinalou a primeira tenente de alcalde, María Xosé Rodríguez, Cedeira “ten a posibilidade de completar as prestacións que os Servizos Sociais xa ofrecen ás mulleres maltratadas”. En concreto, o goberno cedeirés valora moi especialmente a asesoría xurídica e os temas de formación aos que así tamén poderán acceder as cedeiresas que os requiran. O Concello conta coa axuda dunha psicóloga para atender ás mulleres que son vítimas da violencia machista.

María Xosé Rodríguez recoñeceu que en Cedeira, “por desgraza”, tamén existen casos de maltrato, unha problemática que no que vai de ano xa acobou coa vida de 36 mulleres.

Pode consultarse o texto íntegro do acordo asinado na seguinte ligazón:


VER PDF Acordo para a solicitude de subvención do programa de apoio ao Centro de Información á Muller