Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A Xunta apoia a proposta do Concello de usar o local da estación de autobuses como centro para a mocidade

A XUNTA APOIA A PROPOSTA DO CONCELLO DE USAR O LOCAL DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES COMO CENTRO PARA A MOCIDADE

A demanda detectada polo goberno de Cedeira a través das conversas mantidas coa mocidade local e máis recentemente coa ANPA O Beco está detrás da reunión de traballo celebrada hoxe entre o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro Saavedra, e os representantes municipais, o alcalde, Pablo Moreda Gil, e a primeira tenente de alcalde, María Xosé Rodríguez Pérez.

A necesidade de crear un centro de ocio e reunión para a mocidade de Cedeira levou ao Concello a estudar a posibilidade de facerse coa propiedade do actual edificio da estación de autobuses -agora en mans da Xunta- para, posteriormente, darlle o uso que demanda a xuventude local.

E a conversa mantida hoxe con Ignacio Maestro Saavedra foi máis satisfactoria, segundo os responsables municipais, xa que o representante da Xunta confirmou que existe a posibilidade de revertir a concesión que ata 2016 estivo en mans da empresa Arriva, ademais de animar ao Concello a aproveitar o local para darlle novos usos. Maestro tamén lles apuntou que os trámites marchan polo camiño correcto e que o asunto está cerca de ser unha realidade.

A pesar deste bos prognósticos, o goberno cedeirés quere mostrar unha certa prudencia, por considerar que sempre poden xurdir atrancos. Neste sentido, cabe apuntar que o cambio á fronte da Dirección Xeral de Mobilidade obrigou ao Concello a iniciar unhas conversas que tiña máis avanzadas co anterior responsable da área de Mobilidade.

O local do que se está a falar ten aproximadamente 200 metros cadrados de superficie e actualmente está baleiro desde que no mes de decembro acabou a concesión que tiña Arriva.