A ruta granate é a cuarta xeolóxica que Cedeira incorporará este ano ao programa de xeorutas
A RUTA GRANATE É A CUARTA SAÍDA XEOLÓXICA QUE CEDEIRA INCORPORARÁ ESTE ANO AO PROGRAMA DE XEORUTAS
O Concello de Cedeira amplía cunha saída máis o programa de Xeorutas, co que aproveita a riqueza mineral que existe no seu territorio para fins turísticos. Así, e de cara aos próximos meses, ás xa coñecidas rutas das praias Negra, Cantís e Cromo se lle sumará a que pasará a chamarse Granate, un novo traxecto que terá como punto de partida o santuario de San Andrés e co que se chegará, sempre pegado á costa, ata a denominada ensenada de Cortes.
O goberno municipal confía en poder ofrecer esta nova actividade dentro do programa de ocio que xa se está a elaborar de cara á Semana Santa, segundo informa a edila de Cultura, María Xosé Rodríguez López. Esta responsable explicou que o apoio da xente á primeira convocatoria das Xeorutas está detrás da decisión do Concello de completar o programa cunha saída “moi espectacular”. O nome é polos silicatos minerais que existen na zona.
Estes precorridos polo territorio cedeirés son unha actividade financiada polo grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Mariña-Ortegal, do que participan, ademais de Cedeira, os concellos de Ribadeo e Burela. O eixe fundamental desta colaboración é o proxecto turístico-xeolóxico “Entre Arcos e Cantís” para o que, no seu conxunto, os tres municipios dispoñen de 118.991 euros de fondos europeos, case un 80 % do orzamento. O importe total do mesmo ascende a 149.808 euros.