Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A primeira festa dedicada á merluza da volanta será o 29 e 30 de abril

A PRIMEIRA FESTA DEDICADA Á MERLUZA DA VOLANTA SERÁ O 29 E 30 DE ABRIL

A reunión tripartita -Concello, Confraría de Pescadores e hostaleiros- celebrada hoxe deu como resultado a convocatoria da primeira edición da Festa de Merluza da Volanta para os días 29 e 30 de abril e a participación dos negocios de hostalería da vila nun certamen de tapas coincidindo nesas mesmas datas.

A concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, destacou a boa acollida que a iniciativa tivo esta mañá entre os profesionais da hostalería e explicou que o número de locais participantes se coñecerá en cuestión de días. Será, segundo engadiu, como resultado dunha carta que se fará chegar a todos os negocios do sector para confirmar a súa implicación nun programa co que se espera “promocionar a hostalería local e non limitar a oferta turística aos meses de verán”.

O Concello espera coñecer os resultados desta sondaxe antes do próximo xoves para seguir avanzando tanto na programación da festa como na organización do concurso. Neste sentido, María Xosé Rodríguez explicou que o Concello xa se comprometeu a financiar tanto a publicación dos carteis como dos dípticos que se editarán para dar a coñecer a localización dos locais participantes no certame de tapas.

O goberno cedeirés confía en que o programa sexa do interese do público e que a súa celebración se consolide como xa o está a festa do percebe.