Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A plataforma en defensa da ría pide á demarcación de costas que retranquee entre 20 a 25 metros a duna da praia da Madalena

A PLATAFORMA EN DEFENSA DA RÍA PIDE Á DEMARCACIÓN DE COSTAS QUE RETRANQUEE ENTRE 20 E 25 METROS A DUNA DA PRAIA DA MADALENA

Retranquerar entre 20 e 25 metros a duna da praia da Madalena é unha das medidas que a Plantaforma en Defensa da Ría de Cedeira propón á Demarcación de Costas en Galicia para evitar o progresivo deterioro dun areal que aínda hoxe sufre as consecuencias do recheo realizado no ano 2001.

O devandito colectivo, do que forman parte representantes dos partidos políticos presentes no goberno local ( PSOE, BNG e Anova) e Esquerda Unida, así como das asociacións Adega, Mares de Cedeira, Somos Cedeira e a Confraría de Pescadores, entende que deste xeito conseguiriase unha menor afección do mar sobre o sistema dunar, polo que, ao tempo, evitariase tamén o arrastre de area que se produce agora ata a boca da ría. E dado que se trata de unha petición que non ten que levarse a cabo de maneira inmediata, a Plataforma móstrase partidaria de manter a parede de madeira ata que pasen os rigores do inverno pero suprimindo, iso si, a tea que recubre a parte superior da duna, a non ser que dese modo se consiga a rexeneración da vexetación dunar.

Como segunda medida os membros da plataforma solicitan da Demarcación de Costas que execute a obra que quedou pendente no regato de San Isidro e explican que, de levala a cabo, non debería incrementar a anchura do caudal respecto da que ten na vertical do paseo marítimo coa fin de evitar que cambie a velocidade do seu descorrer.

Os asuntos que agora reclama o colectivo pasan tamén por solicitar do xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, a súa participación nunha charla-coloquio para analizar a evolución do areal e recordarlle, de paso, o compromiso que o seu departamento ten coa veciñanza no tocante á redacción dun estudio de impacto ambiental da ría no seu conxunto.

A Plataforma, que se manifesta totalmente contraria a autorizar unha nova actuación de Costas na praia, entende que Portos de Galicia tamén debería contribuír á conservación do areal e a súa contorna, polo que demanda dos seus responsables a súa total colaboración á hora de permitir que o sistema de saneamento chegue a todas as instalacións existentes na zona, dende a Casa do Mar ata as dependencias da Cruz Vermella. Tamén os insta a atopar unha solución ao depósito de area que se produce na entrada da ría e que, entre outras consecuencias, dificulta a entrada no porto de barcos de maior calado.