Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira pide á Demarcación de Costas que detalle as obras a executar na praia da Madalena

A PLATAFORMA EN DEFENSA DA RÍA DE CEDEIRA PIDE Á DEMARCACIÓN DE COSTAS QUE DETALLE AS OBRAS A EXECUTAR NA PRAIA DA MADALENA

A Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira vén de enviar un escrito á Demarcación de Costas en Galicia no que pide detalles das actuacións previstas de acometer na praia da Madalena, diante da inminencia do inicio das obras.

Os membros da entidade acordaron por unanimidade pedir información sobre a altura que se lle vai recortar á duna e ata onde vai chegar a zona balizada na que se moverán as máquinas, xa que hai unha certa preocupación sobre a posibilidade de que se vexa afectado o banco marisqueiro nun momento no que parece que principia a súa recuperación.

A Plataforma quere saber tamén que traballos está previsto levar a cabo no regato máis próximo a San Isidro para solucionar o problema de estancamento na zona, e en que espazo concreto se vai proceder á eliminación das plantas invasivas.

Por último, pregunta se se van amañar os 30 metros de pasarela de madeira do paseo marítimo que se atopan en mal estado e nos que xa se produxeron varias caídas.

A Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira, que preside o alcalde, está integrada por representantes dos partidos que forman parte do goberno local (PSOE, BNG e Anova); Esquerda Unida; as asociacións Adega, Mares de Cedeira, Somos Cedeira e Confraría de Pescadores.