A plataforma cidadá en defensa dos ríos Condomiñas e Pontigas bora a andar da man dunha xestora
A PLATAFORMA CIDADÁ EN DEFENSA DOS RÍOS CONDOMIÑAS E PONTIGAS BOTA A ANDAR DA MAN DUNHA XESTORA
O goberno de Cedeira está moi satisfeito da resposta da xente con respecto á constitución dunha plataforma cidadá en defensa dos ríos Condomiñas e Pontigas. Así, máis dunha ducia de persoas -aínda que o número total poderá chegar ás vinte polas ausencias xustificadas- déronse cita onte no salón de plenos para botar a andar unha agrupación que velará pola conservación de ambos os dous leitos e a súa integración na vida cotiá dos cedeireses como novos espazos de lecer.
A inicitiva xa está en marcha e, como primeira medida, acordouse crear unha xestora para iniciar os trámites de constitución e mesmo tamén poñerse en contacto con outras plataformas que poidan existir neste campo, para marcar obxectivos e elaborar estatutos, entre outras cuestións. Estas e outras novedades trataranse na reunión que, segundo os impulsores da plataforma, terá lugar ao longo da próxima semana e na que tamén se falará da campaña de captación de socios que se prevé levar a cabo para ampliar a participación. Nun prazo dun mes, a agrupación arrincará de maneira oficial coa celebración da asamblea constituínte.