A merluza será a protagonista esta fin de semana co certame de tapas, a festa da cofradía e as actividades no museo mares de Cedeira
A MERLUZA SERÁ A PROTAGONISTA ESTA FIN DE SEMANA CO CERTAME DE TAPAS, A FESTA DA CONFRARÍA E AS ACTIVIDADES NO MUSEO MARES DE CEDEIRA
“Merluza con algas”, “A volanteira” e “Salpicón ao brocos” son só alguns dos nomes das tapas que esta fin de semana servirán os doce negocios de hostalería da vila de Cedeira con motivo do concurso gastronómico desenvolvido polo Concello no marco da primeira edición da Festa da Merluza da Volanta organizada pola Confraría de Pescadores local. Ambas as dúas convocatorias terán lugar de forma simultánea tanto o sábado como o domigo, o mesmo que as xornadas divulgativas que, da man do Museo Mares de Cedeira, terán como obxectivo dar a coñecer unha arte pesca selectiva e sen descartes.
Os locais participantes son: restaurante Brisa (“Merluza ao fume con escalivada”), taberna Praza do Peixe (“Merluza rechea de piquillo con salsa de piquillos”), mesón San Antón (“Acompañada de ameixas e gula”), taberna do Jojó (“A Volanteira”), mesón A Marieta (“Merluza Marieta”), restaurante Vila Vella (“Merluza confitada sobre cama de pisto”), mesón A Ría (“Merluza á ría”), A Balandra (“Merluza con algas”), cervecería Rosi (“Merluza á cazola”), O Mesón (“Merluza en salsa de rape”, a cafetería do auditorio municipal (“Salpicón ao brocos”) e O Sálvora (“Merluza ao Sálvora”).
A merluza será o ingrediente principal dunhas consumicións elaboradas expresamente para o certame e que se porán a venta ao único prezo de 1,5 euros o sábado ao mediodía e pola noite e o domingo pola mañá. Os consumidores actuarán de xurado ao poder emitir a súa opinión nas tarxetas de votación que estarán dispostas nos establecementos. É obrigatorio ter consumido cinco tapas distintas para poder emitir o voto. En cada negocio haberá que homologar a tarxeta que, unha vez dispoña dos cinco selos esixidos, se porá depositar en calquera das caixas de votación distribuídas polos locais participantes. Só se admitirá unha tarxeta por persoa e só serán válidas aquelas que cumpran os requisitos establecidos pola organización. Os consumidores que participen cun voto válido serán incluídos no sorteo dunha cena para dous no establecemento gañador do certamen.
Pola súa banda, a Confraría de Pescadores organiza a primeira Festa da Merluza da Volanta de Cedeira, unha iniciativa que dará lugar á degustación de catro propostas culinarias diferentes elaboradas a partir da merluza que capturan os barcos de pesca da localidade. Pastel de merluza, merluza á galega, brandada de merluza e ensalada tibia de ovas de merluza son as consumicións que tanto o sábado como o domingo se porán degustar en horario de mañana e tarde. Unha carpa, situada nas inmediacións da Casa do Mar, acollerá unha celebración que estará moi presente cunha decoración específica para a ocasión. O pósito local prevé a elaboración dunhas 1.500 racións, aproximadamente.
Estas experiencias culinarias poderanse completar coas charlas e visitas guiadas organizadas polo Museo Mares de Cedeira para dar a coñecer unha arte de pesca da que Cedeira é a capital galega e que se caracteriza por ser selectiva, por garantir a frescura das capturas e por non ter descartes. Estes programas darán comezo ás 11.00 horas. Tamén haberá redeiras.