Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A localización de restos de rúas construccións garante futuros traballos arqueolóxicos na zona de campo do Castro

A LOCALIZACIÓN DE RESTOS DE DÚAS CONSTRUCIÓNS GARANTE FUTUROS TRABALLOS ARQUEOLÓXICOS NA ZONA DE CAMPO DO CASTRO

Coa realización da terceira cata no Campo do Castro saíron á luz restos de construcións que, “con toda a cautela”, segundo puntualizou o arqueólogo, Emilio Ramil, poden ser parte dun muro circular de orixe castrexa e outro posterior relacionado coa cultura galaico-romano. “Só coa ampliación do terreo a explorar se poderá facer unha valoración definitiva do lugar”, reiterou Ramil.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Á espera desa confirmación, os traballos que se están a levar a cabo na zona, ademais de confirmar as sospeitas que xa había sobre o lugar, falan dunha evolución social e cultural do recinto e dan ao Concello de Cedeira o motivo que andaba a buscar para “poder escavar unha boa parte do xacemento”, dixo a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez. O Concello non descarta buscar o permiso dos propietarios do chan para darlle a estes espazos o protagonismo que merecen dentro da cultura local, pero tamén de cara ao sector turístico.

Esta terceira cata estase a realizar na zona de acceso á praia de Sonreiras, non moi alonxada doutro dos puntos xa escavados polo grupo de arqueoloxía que desde hai días traballa coa fin de contextualizar os restos que neles atopen. Naquela primeira cata xa foron recuperados anacos de cerámica castrexa e romana. Nesta última, ademais de atopar máis cerámica, foron localizados restos de murallas en pedra e de palla-barro -este último elemento moi utilizado nas construcións castrexas-, o que leva aos expertos a pesar nun primeiro asentamento de orixe castrexo. Unha segunda construción, case superposta á inicial, vén demostrar que houbo unha ocupación posterior, xa que unha parte dos muros foron utilizadas para ampliación dos espazos habitacionais.

Os traballos proseguirán nos próximos días e darán lugar ademais a utilización dun dron para capturar imaxes aéreas da zona que poderán seguir aportando máis datos sobre o lugar. A intervención deu comezo o día 17 do pasado mes de abril e a está a levar a cabo un equipo de cinco persoas. Así, ademais do responsable do proxecto e arqueólogo Emilio Ramil, traballan nas escavacións tres auxiliares de arqueoloxía e un dibuxante-topógrafo.