Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A inaguración do certame de teatro afeccionado aprázase ao día 11 cunha obra de Álvaro Cunqueiro

A INAUGURACIÓN DO CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO APRÁZASE AO DÍA 11 CUNHA OBRA DE ÁLVARO CUNQUEIRO

Por problemas alleos a organización, o Concello de Cedeira vese na obriga de aprazar ata o día 11 de novembro a inauguración da primeira edición do Certame de Teatro Afeccionado. Este contratempo leva á organización a alterar o calendario incialmente previsto, de maneira que a obra “Misterios”, de Paula Carballeira, trasládase ao último venres do citado mes, día 25.

As citas que non se verán afectadas polos cambios serán as xa anunciadas para os días 11 e 18. Así, serán os membros da Asociación de Teatro Aficionado Parteluz, que porán en escena a obra “A noite vai como un río”, de Álvaro Cunqueiro, os que terán a responsabilidade de abrir unha iniciativa coa que o equipo de goberno de Cedeira quere facerse un oco no mundo das representacións teatrais e máis concretamente as que teñen que ver co teatro afeccionado.

O día 18, e tal e como estaba previsto, actuará a Asociación Dramatúrxica Pico de Castro de Foz, coa peza “O consultorio”.

O que tampouco muda é o horario, todas as funcións darán comenzo ás oito da tarde, nin o escenario, que será o do auditorio municipal. A entrada será libre e gratuíta.