Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A fundación MAPFRE e o Concello colaboran para llevar a seguridade vial ás aulas do Nicolás del Río

A FUNDACIÓN MAPFRE E O CONCELLO COLABORAN PARA LEVAR A SEGURIDADE VIAL ÁS AULAS DO NICOLÁS DEL RÍO

A Fundación Mapfre colabora co Concello de Cedeira para educar aos nenos en materia de seguridade vial. Este compromiso materializouse hoxe coa entrega de libros e outros recursos didácticos ao alcalde, Pablo Moreda Gil, e ao concelleiro de Ensino, Robustiano Labraña Barrero, por parte dos representantes de zona e local da fundación, Miguel Ángel Pérez Fernández e Roberto García Fernández, respectivamente. O xefe da Policía Local, Roberto Díaz, tamén estivo presente no acto.

A donación inclúe o número suficiente de exemplares e material para que cada alumno do colexio Nicolás del Río dispoña do seu propio. A matrícula no curso 2016-2017 é de 453 nenos con idades comprendidas entre tres e once anos.

Tanto Moreda como Labraña agradeceron aos representantes de Mapfre o traballo que desde a fundación se fai en todos os ámbitos da sociedade, tamén nas aulas, para previr accidentes de tránsito.

Esta iniciativa coincide no tempo coa organización, por parte do Concello, dunhas Xornadas Escolares de Seguridade Vial que arricarán o próximo martes coa celebración de dúas charlas, unha enfocada aos docentes – prevista para as seis da tarde-, e outra para pais, que terá lugar a continuación. A educación vial na formación integral do alumnado e a implicación das familias nesta materia son os contidos previstos, e ambas as dúas convocatorias correrán a cargo do equipo de seguridade vial do Concello de Narón. O programa terá continuidade na semana do 27 ao venres 31 coa instalación dun parque infantil de tráfico -cedido polo Concello naronés-, clases teóricas e prácticas para todo o alumnado do Nicolás del Río, contacontos, unha exposición de material organizada pola Policía Local e tarefas de control de tráfico no entorno escolar ao longo de toda a semana, a cargo dos alumnos máis maiores.