A CONFRARÍA DE CEDEIRA PREVÉ DESPACHAR ENTRE HOXE E O DOMINGO UNS 500 QUILOS DE PERCEBE A 16€ A RACIÓN
Confraría de Pescadores de Cedeira ten previsto vender a ración de percebe a 16 euros na festa de exaltación deste produto que se vai desenvolver hoxe e mañá, sábado e domingo, baixo a gran carpa instalada no peirao. A ración rondará os 300 gramos, como o pasado ano, e o pósito fixo acopio de 500 quilos, que o público poderá degustar acompañado de racións de polbo á feira e empanadas de liscos e berberechos.
As billeteiras nas que estarán á venda os bonos e o mostrador dentro da gran carpa estarán abertos, tanto o sábado como o domingo, de 12.00 a 17.00h. O tren turístico que disporá este ano o Concello estará todo o tempo facendo viaxes desde a praza de Galicia ata o peirao.
Cedeira acollerá outros moitos eventos festivos, culturais e deportivos durante esta primeira fin de semana do mes de agosto. Desde hoxe ata o domingo estase a desenvolver o III Torneo de Tenis Praia na Madalena. Ademais, mañá sábado, día 3, o ambiente na localidade cedeiresa estará tamén animado pola celebración da VII Bandeira de Traiñeiras que organiza o Club de Remo Cedeira. A proba, inserida na Liga Galega B, desenvolverase a partir das 17.30h coa participación de embarcacións de Bueu, Redondela, A Pobra do Caramiñal, Riveira e Perillo xunto ao equipo local.
Ao día seguinte, o domingo 4, terá lugar a XXVI Travesía a Nado Ría de Cedeira. A proba, que comezará ás 17.00h, adoita reunir na localidade a entre 150 e 200 a nadadores de diferentes categorías e de clubs de toda Galicia, que cubrirán, segundo a súa idade, distancias de entre 50 e 1.500 metros.
Durante esta semana, ata hoxe, o Concello instalou na praza da Revolta, xunto á praia da Madalena, uns tobogáns xigantes que como en anos anteriores contaron cunha gran afluencia de xente, tanto maiores como pequenos. A praia de Area Longa acollerá o domingo 4, entre as 16.30 e as 19.30h, outros hinchables acuáticos e terrestres, así como kayaks, que as persoas que o desexen poderán empregar de balde inscribíndose alí mesmo e seguindo as instrucións dos monitores que estarán alí organizando a actividade.
No capítulo musical, o sábado desenvolverase o Festival de Música e Baile Tradicional da Asociación Cultural Buxainas. Será ás 20.00h na praza Roxa e contará coa actuación da Asociación Cultural Saíñas, ademais da formación local. A praza do Floreal será o domingo o escenario do IV Certame de Bandas de Música “Vila de Cedeira”. Tras un pasarrúas, actuarán a partir das 19.00h a banda cedeiresa e a de Chantada.
A todas estas actividades súmanse as festas patronais de San Félix na parroauia de Esteiro e as de San Román, que se desenvolven o sábado e o domingo coas súas tradicionais verbenas e sesións vermú.
Por outra parte, a partir do luns día 5 comeza a “Semana Infantil”, un clásico tamén na programación estival do Concello de Cedeira. Desde o luns ata o xoves, con punto de encontro ás 11.00 horas na praza Roxa, desenvolveranse xogos e concursos para todos os nenos e nenas que queiran participar.
Cambio no horario do Castelo da Concepción
Desde o Concello informan dun cambio no horario de apertura do Castelo da Concepción. Pese a que se anunciou de mércores a domingos, finalmente será de martes a sábados, no horario xa indicado. O fortín abrirá de 12.00 a 19.00h, con entrada gratuíta, e ás 18.00 serán as visitas guiadas.