A CONFRARÍA DE CEDEIRA ORGANIZA DENDE O PRÓXIMO VENRES 27 DE SETEMBRO CATRO XORNADAS ABERTAS Ó PÚBLICO XERAL PARA DAR A COÑECER O SEU TRABALLO
As xornadas desenvolveranse o venres 27 de setembro, venres 11, venres 18 e martes 29 de outubro.
Esta actividade, impulsada pola Confraría e financiada polo GALP A Mariña Ortegal, é gratuíta, sendo necesario inscribirse previamente.
Co fin de dar a coñecer o traballo que se leva a cabo dende a Confraría e a Lonxa de Cedeira, organízanse catro xornadas divulgativas e informativas para a posta en valor do produto mariñeiro local e a súa trazabilidade. Levaranse a cabo 4 visitas ao porto nas que se poderá saber máis sobre o traballo que desenvolve neste espazo, dende a saída ao mar ata o proceso de recepción do produto, o seu tratamento e posterior etiquetado, de cara a garantir a a súa trazabilidade.
O obxectivo destas visitas é achegar a toda a poboación a actividade no porto, como funcionan as entidades responsables, cales son os traballos que se desenvolven, así como tamén a importancia da lectura e interpretación do etiquetado dos produtos, garantindo así un consumo responsable e a compra de produto de calidade. Con esta actividade preténdese achegar a importancia da labor dos oficios das xentes do mar, favorecendo así a dignificación do sector, o relevo xeracional e a fixación de poboación no territorio.
As xornadas terán lugar nas seguintes datas: venres 27 de setembro ás 11:30h, venres 11 de outubro ás 11:30h, venres 18 de outubro ás 17:00h e Martes 29 de outubro ás 17:00h, sendo totalmente gratuítas. Será imprescindible anotarse previamente a través de WhatsApp ou chamada ao número de teléfono (+34) 621 25 14 90. O punto de encontro para iniciar as visitas será a Praza do peixe, dende aquí iniciarase un percorrido polo porto tendo como punto final a Lonxa de Cedeira.
Estas xornadas de divulgación forman parte do proxecto “Automatización do pesado, traslado e comercialización na Lonxa de Cedeira” impulsado pola Confraría de Cedeira. A través deste proxecto obtivéronse novos equipamentos para a mellora dos procesos de traballo na Lonxa, nas fases de traslado, recepción, pesado e etiquetado.
O proxecto “Automatización do pesado, traslado e comercialización na Lonxa de Cedeira” foi presentado pola Confraría de Cedeira para a obtención das axudas do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), aprobadas pola Consellería do Mar, no marco da estratexia de desenvolvemento local participativa (EDLP) 2021 – 2027 xestionadas polo GALP A Mariña – Ortegal.